fbpx
666rpmCompostela

Xa está de volta SINTONIZANDO!

Por César Varela (@imitoaquenson), de Historia do Rock Compostelán

Manu, no Pedroso. Foto: César Varela

Se de algo podemos presumir nesta cidade, á parte de moitas outras cousas, é de poder ofrecer unha ampla e variada oferta de música en directo. Podería ser mellor ou peor, pero o caso é que hai días nos que por moito que te empeñes en asistir a máis dun evento, resulta prácticamente imposible, xa que hai varios programados en diferentes locais na mesma franxa horaria. Os culpables de que todo isto ocorra, son os coñecidos como promotores de concertos, que semana tras semana preparan a súa axenda, para poder regalar ao público unha programación estable os 365 días do ano.

Centrándonos en materia subterránea, unha das promotoras que sempre tratou de encher ese espazo baleiro que existe entre os grandes e os pequenos concertos, sempre buscando propostas de calidade para un sector minoritario, é SINTONIZANDO, que despois de varios anos de letarxia, xa está de volta, e como non podería ser doutro xeito, coas pilas ben cargadas.

SINTONIZANDO arrancaba no 2013 apostando forte polas bandas galegas, pero pouco a pouco empezaron a recibir propostas de formacións foráneas e decidiron organizar tamén concertos con elas, xa que a idea fundamental da promotora, sempre foi traer música en directo a Santiago, e se un grupo lles pedía que lle botasen un cable para conseguir un bolo en Compostela, eles sempre estaban encantados de poder botar unha man. Quizais a moitos de vós xa non vos acorde, pero a primeira vez que visitaron a nosa cidade bandas xa consagradas a día de hoxe como Biznaga, Hinds, Los Vinagres, The Parrots, Los Nastys ou Joe Crepúsculo, foi grazas á xente de SINTONIZANDO, que montaba o seu escaparate en locais coma La Radio, Cachán, Sónar ou Capitol. Tamén organizaron aquel SINTONIZANDO NO SALÓN, onde bandas coma Grampoder ou The Naked Heroes, actuaban en formato desenchufado nun salón con vistas á Quintana. De luxo!

O responsable de que todo isto funcione á perfección é o Sr. Manu Pombo (Músico, Promotor e Dj), personaxe compostelán sempre a ter en conta, que arrancará a nova temporada de SINTONIZANDO coa actuación de Fino Oyonarte (Los Enemigos, Clovis, Los Eterno) o 10 de xaneiro do 2020 na Sala Riquela, no que será un concerto íntimo e con aforo limitado. Fino, sobradamente coñecido por levar máis de 30 anos sendo baixista de Los Enemigos, ademais de produtor de discos emblemáticos de bandas como Lagartija Nick, Los Planetas ou Mercromina, nesta ocasión chegará a Santiago para presentarnos o seu novo single en solitario “No mirar atrás / Calles vacías” (Buenaventura – Intromúsica, 2019). As entradas xa están dispoñibles na propia sala e tamén na internet por 8€, así que non te quedes sen a túa. 

E ata aquí podemos ler! SINTONIZANDO xa está traballando no que serán os próximos concertos que nos ofrecerán o vindeiro ano na nosa cidade, pero de momento non queren desvelarnos máis información. Todo ao seu tempo! O que si sabemos fixo, é que o que nos teñen preparado para xaneiro será fino e seguro.