fbpx
GaliciaGastronomíaOído, artesanía!

Witchneeds: “O material é unha linguaxe para falar”

Witchneeds. Foto: Cortesía da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

Ana Tenorio é Witchneeds, unha ceramista que chegou á súa disciplina tras explorar outros materiais e ámbitos artísticos, coma unha muller do Renacemento.

Na actualidade traballa co barro para crear pezas que tamén satisfán as necesidades dos cociñeiros e cociñeiras porque, como ela di, “é como un diálogo”.

Como naceu Witchneeds?

Estivo sempre aí. Dende pequena traballaba co barro -é un material vivo, que está na natureza e que o podes adquirir e traballar-, coas mans, creando, e por iso derivei nas Artes, foron os estudos que fixen.

Despois de mil aventuras, decidín recuperar a cerámica. No 2015 tiña claro que quería proxectar algo, no que estivera centrada no material. Eu traballo con moitos materiais (téxtil, audiovisual, debuxo, pintura) e todos serven para un proceso persoal de entregar emocións e inquedanzas. O material é unha linguaxe para falar.

A primeira colección mesturaba a cerámica, a escultura e a pintura. Despois fun evolucionando cara a outras coleccións máis abstractas e escultóricas.

Como é a túa relación cos cociñeiros e cociñeiras?

Depende da persoa. É como un diálogo con eles. Eu intento cubrir esas necesidades desde a miña forma de facer, o meu estilo. Despois son conversas. Vou sinalando as pezas ou, ás veces, elixen pezas e queren definir o formato.

Eu son o soporte final das pezas. Imos buscando.

Que tipo de material e técnicas empregas?

Desenvolvo técnicas propias, pero adoito buscar o meu propio camiño. É un reto facer algo que non exista. Experimento, invento historias.

Fago a miña propia pasta, que ten moita simboloxía para min. Interésame mostrar os procesos da cerámica. É xuntar as miñas inquedanzas cos procesos da cerámica.

Teño que cambiar o chip cada vez que me piden algo novo. É como un papel. A forma de facer non é mesmo en todas as coleccións.

Que supón contar coa marca Artesanía de Galicia?

Supón estar con máis xente coma min. Síntome moi apoiada por unha entidade que nos impulsa. Camiñar xunto a alguén dáme seguridade ao sentir que pertences a unha comunidade. Síntome moi orgullosa de ser galega e de ter a sorte de contar con Artesanía de Galicia.

Onde podemos comprar as túas pezas?

Na web witchneeds.com, en instagram (Witchneeds) e tamén teño un showroom no meu obradoiro.