fbpx
666rpmCompostela

Willy Succo Brother & Samesugas, reunión de crápulas

Por Rebeca Munín

Willy Succo Brother, no centro, cos Samesugas.

Sabiamos que o noso César Varela, autor da sección 666RPM en Pincha, era todo un artista coa escrita. Pero non sabíamos que tamén podía darlle ao cante dun xeito tan bestial. Antes de que o maldito Covid-19 chegara ás nosas vidas, sorprendeunos co lanzamento dun single 7” baixo o nome de Willy Succo Brother e acompañado dos Samesugas, que están a celebrar o seu vinte aniversario. O traballo, que inclúe os temas ‘Say Mama’ (Johnny Earl / Johnny Meeks) e ‘Something Else’ (Eddie Cochran / Sharon Sheeley / Bob Cochran), foi gravado e misturado por Martín Esturao no seu Bungalow Studio e masterizado por Mike Mariconda. “Estes dous temas definen moi ben como foi a miña rebelde adolescencia. Xa o dixo Jeanette no seu momento e eu volvo repetilo agora: ‘Yo soy rebelde porque el mundo me ha hecho así’. Tamén mo seguen a recordar aínda a día de hoxe, a miña banda de Rock & Roll favorita de tódolos tempos, e aí o deixo caer: ‘Yo desde que nací, la tengo así’”, apunta César sobre estes covers.

Pero de onde vén a relación de Willy Succo Brother con esta mítica banda compostelá de punk rock? “A Álex xa o pipeaba desde o colexio, sempre andivo envolto en proxectos musicais que pagaba a pena seguir. Tocou a guitarra en Fame Neghra con Ramón (baterista). Sempre me pareceron uns cracks, e coma crítico e locutor de R&R, sempre dei saída aos seus proxectos e lanzamentos no meu programa de radio e nos medios nos que escribín. Sempre fixeron música de moi alto nivel”, explica. “A Alberte (baixista) coñecino cando tocaba en Dirty Barriguitas e logo profundizamos no mitiquísimo Bar-Tolo. Conectamos á primeira de cambio. Tiñamos moi claro cal era a nosa pretensión no mundo do R&R. Desfrutar do momento coma se non houbese un mañá. A Joaquín (guitarrista e cantante) coñecino máis tarde, xa cos Samesugas, xa que é un pouco máis novo ca nós e este foi o seu primeiro proxecto musical, pero para min, sempre foi un máis da Gran Familia, xa que iso é o que somos realmente, unha Familia. Aquí en Compostela, coma no resto das cidades, os crápulas que nos adicamos a este mundillo somos sempre os mesmos desde hai mil anos. Querémonos, apoiámonos, puteámonos, poñémonos a pingar, montamos cousas xuntos ou por separado, nos damos de hostias, nos chupamos las..., pero no fondo todos xuntos somos unha Gran Familia, cos seus pros e os seus contras, pero iso somos! A Gran Familia do Rock And Roll! Yeah!!!”, engade.  

A historia deste single 7’’ comezou hai xusto agora 19 anos. “O amigo César Martínez (Tombstones, Dhais...) montara un estudo de gravación no barrio de Sar, ‘La Fábrica de Luz’ chamábase, e chegara a un acordo con el para rexistrar estes mesmos covers. Pensabamos que igual algún selo se interesaría por ese material e podía ser plastificado, pero o certo é que aí quedou, gardado nun faiado. Hai pouco atopamos o master impregnado ata a médula de pó e con mordeduras de vampiros, morcegos, samesugas e demais seres do subsolo, e decidimos conservalo nesa burbulla, para que cos anos colla aínda máis sabor anello, e quizais algún día poder rescatar, máis agora non era o momento. Así que decidimos reunirnos con Martín e infectar o seu Bungalow de esperma samesúguico. E aquí tendes a proba...”, conta César.

Desa reunión, na que o propio Mad Martin meteu a súa guitarra en ‘Say Mama’ e Shakey Figui (Lákazans, Andhrea & The blacks Cats, Fabolous Resaca Brothers…) tocou a harmónica, tamén temos documento gráfico. Dous viodeoclips rexistrados por David Padín (outro histórico rocketa compostelán) que podedes ver a continuación.

Pero antes, resolvamos unha dúbida máis. Como se sentiu o noso César poñendo a súa voz para estes temas? "Pois a verdade, é que pensei que me ía sentir coma un paxariño no bosque, cantando ó amencer, rodeado dunha gran flora e fauna, pero como isto se gravou pola noite, e xusto antes do Nadal, cobrei máis corpo de mesías-morcego-vampírico e medio corvo ao mesmo tempo, coma se fose 3 en 1: medio neno, medio home, medio rapaz". Willy Succo Brother, naceu unha estrela, meu!