Volven os ‘Concertos necesarios’ de Xacobe Martínez Antelo Trío

Xacobe Martínez Antelo Trío

Xacobe Martínez Antelo Trío. 

Tras o éxito da primeira edición celebrada hai xusto un ano, Xacobe Martínez Antelo Trío volve a encher os centros hospitalarios, residencias, asociacións… cos ‘Concertos Necesarios’.

Hai xa varios anos que pasou pola cabeza do contrabaixista compostelán este proxecto. A idea básica era levar a música ao vivo a aqueles centros e colectivos que polas súas situacións socio-sanitarias non teñen fácil acceso a ela.

No pasado 2018 realizouse unha primeira edición a modo tamén de proba, con tres concertos en tres espazos diferentes. Visto o éxito de todas as actuacións, neste 2019 non só se dá continuidade ao proxecto senón que se duplicarán o número de actuacións, chegando a seis.

Isto é posible grazas a que nesta edición contan coa colaboración da Deputación de A Coruña, a través da súa Área de Cultura, e tamén co apoio do Concello de Santiago.

En Compostela nesta ocasión actuarán no Hospital Psiquiátrico de Conxo (13 de decembro ás 11h) onde realizarán ademais unha colaboración con dous usuarios do centro que son músicos; a Asociación Fonte da Virxe (20 de decembro ás 10:30h) e o Centro de Día da Cociña Económica (o 12 de decembro ás 11h).

Visitaranse tamén centros noutras cidades como a Residencia Puentevea (20 de decembro ás 16h) e a asociación Aspamite (11 de decembro ás 12:30h) sitas no Concello de Teo, ou o centro de Aspace Coruña (19 de decembro ás 11:30h).