Visita do Apalpador, sesións de cociña con avoas e 10.000 euros en premios, na campaña de Nadal da Praza de Abastos

Entrada do Mercado de Abastos. Foto: Iván Barreiro

Entrada do Mercado de Abastos. Foto: Iván Barreiro

A concelleira de Mercados, Noa Morales, e a xerente da Praza de Abastos, Marta Rey, presentaron Nadal do Mercado, a programación especial do recinto para estas datas. As actividades buscan incentivar o consumo de produto fresco entre a xente máis nova. Coa colaboración do Concello, este ano repartiranse 10.000 euros a través de varios sorteos.

Noa Morales, destacou a importancia da programación “nun lugar tan central na cidade como é a Praza de Abastos, cunha programación de Nadal que tamén complementa a que xa desenvolve o Concello de Santiago nestas datas”. Esta programación coincide co terceiro ano consecutivo no que se instala un Belén na igrexa de San Fiz, que “o ano pasado tivo 25.000 visitas”, lembrou a concelleira.

Pola súa banda, Marta Rey referiuse ao labor conxunto de Praza e do Concello na elaboración e preparación destas actividades de Nadal. Ela foi a encargada de debullar as diferentes actividades cunha temática que, este ano “volve ao tradicional, aos sabores de sempre, porque son os que máis apetecen nestas datas”.

Un incentivo para as compras do Nadal no Mercado serán o reparto de 10.000 euros en premios a través de sorteos. “Para que resulte máis repartido entre todas as persoas que se animen a participar, faremos un rasca-gaña, para que toque un pouco a todos e a todas”, explicou a xerente. Os vales serán de 25, 50, 75 e 100 euros. Ademais, “aqueles que non sexan premiados poderán deixar os seus datos na consigna para entraren no sorteo de catro bonos-desconto de 250 euros cada un”, engadiu.

O 23 de decembro, o Apalpador dinamizará a Praza durante a xornada e repartirá pequenos agasallos entre os clientes. O día 30 de decembro haberá unha burbulla de viño espumoso galego. A Praza estará pechada os días 24 e 31 de decembro.

“Cociñando coas avoas”

A Aula de Formación da Praza de Abastos acolle hoxe mércores e mañá xoves os obradoiros “Cociñando coas avoas”, nos que tres cociñeiras profesionais xa retiradas aprenderán aos máis novos e novas a preparar receitas tradicionais dun xeito doado. As dúas sesións, enmarcadas na programación municipal de Nadal, realizaranse de 18:00 a 21:00 horas.

Noa Morales presentou os obradoiros “Cociñando coas avoas” acompañada de Victoria Bar, Carmen Cabanas e Sara García, tres cociñeiras xa retiradas “cunha ampla experiencia na cociña vinculada á hostalaría”. “A idea é que xente nova se achegue á cociña tradicional e para iso contamos con tres mulleres que cada día cociñarán tres pratos”, explicou.

Todos os ingredientes para cociñar estes pratos procederán da Praza de Abastos. “Queremos que elas transmitan receitas de sempre á xente máis nova e, por outra banda, mostrar á mocidade unha maneira diferente de mercar apostando polas tendas pequenas e de produto local, de proximidade e de tempada”, indicou Noa Morales.

En cada unha das xornadas participarán 14 persoas, que esgotaron as prazas dispoñibles. Os/as aprendices de cociña terán a oportunidade de probar os pratos ao final do obradoiro.

No taller deste mércores cociñarase empanada de atún, arroz con luras e de sobremesa torradas, mentres que no do xoves, os pratos serán carne guisada, fabada e chulas.