Vide, Vide!: Cinco anos poñendo en valor o viño galego

Por Rebeca Munín 

Xosé e Martiño, na porta de Vide, Vide! Foto: Iván Barreiro.

Xosé e Martiño, na porta de Vide, Vide! Foto: Iván Barreiro.

Entrar en Vide, Vide!, na Fonte de Santo Antonio, é descubrir unha inesgotable variedade de viños galegos. Sen esquecer os produtos gourmet da terra cos que facer unha boa maridaxe. Pero o local, rexentado por Martiño Santos e Xosé Gondá, non é só unha tenda. É un espazo enocultural onde teñen cabida cursos, catas, exposicións… un lugar xa imprescindible para os composteláns que en 2018 cumpre o seu primeiro lustro.

Como ides celebrar este quinto aniversario?

Martiño: Faremos unha programación para todo o ano de distintas actividades nas que, sobre todo, queremos darlle moito protagonismo aos produtores, elaboradores, viticultores, enólogos… Á xente que está detrás do viño, as caras, as persoas, os nomes propios, as historias familiares… Empezamos xa cunha iniciativa que chamamos ‘Sábado de doce a dúas’, pola que os que pasan pola tenda os sábados poden dialogar, de xeito informal, cos responsables de distintas adegas. Pero faremos máis cousas das que iremos informando. A apertura foi o 26 de xuño, entón arredor desta data intensificaremos un pouco as actividades. Haberá algunha que outra festiña! (Sorrí).

Que balance facedes deste lustro?

M.: Un balance moi positivo. A verdade é que o proxecto tivo moi boa acollida. Notábase que faltaba unha maior oferta de moitos dos viños galegos. Estamos nun país con sobre 450 produtores de viño, con varios miles de marcas, e a maioría son pequenos produtores, con producións limitadas que non están nas grandes cadeas de alimentación e que podías atopar con certa dificultade.

 

Martiño Santos. Foto: Iván Barreiro

Martiño e Xosé. Fotos: Iván Barreiro

Cantas referencias tendes?

Xosé: Rondamos as 200, incluso ás veces máis, depende un pouco do periodo do ano. Adegas son menos porque cada unha ten varias referencias. Con todo, nós temos trato directo con máis de 50. Temos todas as denominacións de orixe, todas as indicacións xeográficas protexidas e tamén produtoras que non están incluídas en ningún deses epígrafes.

Eses pequenos produtores son capaces de competir cos grandes?

M.: É difícil porque o volume é moi determinante nos negocios. De todas maneiras, si que se pode sobrevivir con pequenas producións sempre e cando apostes pola calidade.

Que é o que está chamando máis a atención agora mesmo entre a vosa clientela?

M.: Inicialmente foron os tintos do Ribeiro. Últimamente son os tintos de Rías Baixas. O que é máis descoñecido son os viños tintos, porque nos brancos galegos si que hai unha normalización de consumo. Nos tintos galegos había bastantes prexuízos instalados. Hoxe en día están sendo viños cunhas puntuacións a nivel internacional impresionantes. E tamén chaman a atención todos os que son un pouco especiais ou produtos derivados como os espumosos galegos.

Na vosa última campaña dicides que co viño “o conto é compartilo”. Por que?

X.: Porque o viño é unha bebida social. Quizais a máis social que existe. É un produto que invita a estar en contacto con outra xente que comparte contigo moitas cousas. O realmente importante é o ben que o pasas cando tomas un viño.