fbpx
GaliciaNovas

Vermú Lodeiros aposta pola sostenibilidade e o respecto polo medio ambiente

Pablo Lodeiros (coa botella na man), rodeado dos representantes de ADEGA e Eira da Xoana, ademais de Taquen, o ilustrador encargado do deseño da nova imaxe.

Os responsables de Vermú Lodeiros presentaron onte en Compostela unha nova etapa na que, en palabras de Pablo Lodeiros, hai un cambio de concepto. “O noso vermú pasa de ser un produto a ser un proxecto no que participan dúas asociacións ecoloxistas galegas, ADEGA (Asociación para a defensa da ecoloxía de Galiza) e Eira da Xoana, a USC e Taquen, o ilustrador que deseñou a nosa nova imaxe”, explicou.

O acto celebrouse nun lugar moi particular, na tenda de tatuaxes da Rúa Nova, Nora Tattoo. “Para nós é moi importante porque é unha demostración de que existe unha forma diferente de facer as cousas, unha forma máis sostible e colaborativa. Se traballamos xuntos podemos facer cousas moi chulas e con moito amor por Galiza, porque se algo nos caracteriza a todos os que estamos aquí é o amor inmenso que temos pola nosa terra”, indicou Pablo.

Con este cambio de imaxe o que buscan é transmitir os valores do proxecto e facer fincapé no respecto polo medio ambiente. “O proxecto ten dúas grandes liñas. Por un lado, a actualización dos envases. Buscamos con elo ser máis sostibles. Escollimos unha botella con baixa pegada de carbono, excluímos totalmente os plásticos en toda a produción e engadimos unha etiqueta que está feita con residuos de mazá. É un risco pero asumímolo con valentía porque cremos moitísimo no proxecto e pensamos que pode aportar algo positivo á nosa terra”, sinalou Lodeiros. “Por outro lado, a idea tamén é optimizar todos os recursos posibles con este envase e destinalos a proxectos medioambientais en Galiza”, engadiu.

Compromiso coa sostenibilidade 

Unha das señas de identidade que define a Bodegas Lodeiros dende a súa fundación no ano 1910 foi o seu traballo pola sostenibilidade e polo consumo responsable e de cercanía. 

A súa aposta polo envase retornable (levan máis de 3.000.000 de botellas reutilizadas a súas costas) únese agora un novo proxecto que realizarán a través do vermú que leva o apelido familiar: Vermú Lodeiros.