fbpx
CompostelaEntrevistas

Valentín Caamaño Trío publica ‘The Blind Wrestler’, unha reflexión sobre a vida, a amizade e a música

Valentín Caamaño. Foto: Iván Barreiro
Valentín Caamaño. Foto: Iván Barreiro

‘The Blind Wrestler’ é o novo disco de Valentín Caamaño Trío, un proxecto liderado por un compostelán amante da música improvisada. Guitarrista, vocalista e compositor, Valentín Caamaño pasou por diferentes formacións como Clan Moriarty, Space Drapes, Southbound ou Francis Kaners. Este é o segundo traballo xunto cos músicos Alfonso Calvo, ao contrabaixo, e LAR Legido, á batería, tralo exitoso ‘The Joy’. Son sete temas nos que Caamaño abre ao público o seu corazón.

Valentín, hai unhas semanas que ‘The Blind Wrestler’ veu a luz, que tal a acollida?

Pois polo de agora, aínda que o disco acaba de saír o pasado 20 de decembro, a resposta da crítica especializada e do público está sendo moi boa. As vendas foron estupendas este Nadal. Aínda nos queda comprobar a resposta nos concertos que sairán a partir de agora pero, coma sempre, agardamos o mellor do noso público.

O disco inclúe composicións propias e, ademais, tamén cantas. Dirías que é o traballo no que máis ilusión tes posta? 

Pois non podo negar que, despois de dous discos compostos na súa totalidade por revisións de standards e, no caso de “Green With Envy”, unha homenaxe a Grant Green, dende logo que tiña moitas ganas de editar algunhas das miñas composicións e, ademais, empregar a voz nalgunha delas. Certamente todo isto fai que para min sexa moi especial, pero sempre hai moita ilusión cando se trata de dar un disco a coñecer.

Nel poderedes atopar un pequeno compendio dalgún dos paus que conforman a linguaxe da música improvisada: hai swing, blues, hard bop, funk e incluso un pequeno guiño ao flamenco. Todo envolto dunha temática con alusións a como eu vexo a vida, as persoas e a música.

Está producido polo teu propio selo, TinyMoon Records. Por que? E onde podemos mercalo?

O do meu selo básicamente responde a unha necesidade de tipo administrativa que detectei e quixen solventar. Ademais isto permíteme ter un maior control sobre os prazos da produción do disco. E despois está a parte da ilusión que me fai editar a través del outros proxectos  dalgúns dos meus músicos favoritos. ‘The Blind Wrestler’ está dispoñible nas tendas Discos Fans, O Pazo das Musas e Rock Café, en Santiago; e en Peggy Records, en Ourense. Tamén nestas páxinas webs, tanto en CD como dixital: https://valentincaamano.bandcamp.com/e http://valentincaamano.com/

De novo, estás acompañado por LAR Legido e Alfonso Calvo, un luxo! Que nos podes dicir deles? 

Si! De novo, como no meu primeiro disco, estou acompañado destes dous grandísimos músicos e por ende amigos. Non podo dicir nada máis deles do que xa teño dito en tantas ocasións: son excepcionais e xuntos son capaces de xerar un groove moi moi especial. Teño que dicir que tamén incorporamos en dous temas ao fantástico saxo tenor Xosé Miguélez e estou encantado co resultado.

Poderemos escoitar este disco en directo por Santiago ou comarca? 

Pois teño a esperanza de que a finais de xaneiro xa poderemos anunciar algunhas das datas de presentación, tanto en Santiago como no resto da xeografía galega. Alí vos esperamos a todos.