Unha Semana Santa de primeira nos establecementos composteláns con selo Galicia Calidade

O restaurante de O Pazo de Altamira. Foto: Iván Barreiro

O restaurante de O Pazo de Altamira. Foto: Iván Barreiro

A só uns días do comezo das vacacións de Semana Santa, período no que se producirán millóns de desprazamentos e no que o turismo estará en pleno apoxeo, Galicia Calidade ofrece a todos aqueles que visiten a Comunidade Autónoma galega, un abano de posibilidades en canto a aloxamento ou restauración se refire.

Neste caso, o selo de calidade conta co Grupo ‘Lecer’, no que están agrupados 42 establecementos (hoteis, restaurantes, aloxamentos rurais e portos naúticos) de toda Galicia que durante estas datas ofrecen aos seus clientes diversas ofertas e descontos, dando paso á nova tempada de cara ao verán. En concreto, en Santiago e comarca contan con esta distinción os restaurantes Asador Vacavella, Bodeguilla de San Lázaro, Bodeguilla de Santa Marta e O Curro da Parra; así como o hotel Pazo de Altamira. A lista completa pode consultarse nesta ligazón.

Neste sentido, o director xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, afirma que “é fundamental que os turistas que visitan Galicia e que optan por aloxarse ou degustar a gastronomía galega nos establecementos certificados co selo de calidade vivan unha experiencia única, inigualable, que os anime a volver de novo á nosa comunidade”.

Ademais, hai tan só uns días lanzouse a edición de peto, en papel e en versión online, dun catálogo do Grupo Lecer, un formato moi práctico para que todo aquel que necesite información sobre os devanditos establecementos poida tela a man en calquera momento. Todos os interesados poden solicitala a través dunha mensaxe privada na páxina de Facebook de Galicia Calidade (envío por correo postal ata esgotar existencias) ou ben poden descargala desde a páxina web de www.galiciacalidadelecer.gal nun banner lateral dentro do apartado de “Campañas”.