Todo o que tes que saber da 13ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego (MICE)

Fotograma de Tshweesh, unha das curtas que se proxectarán.

A 13ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego (MICE) terá lugar do 4 ao 10 de xuño en Santiago de Compostela. A Sección Oficial a concurso traerá á nosa cidade unha selección de doce filmes de dez nacionalidades diferentes que mostran un panorama completo de traballos audiovisuais actuais feitos no campo da etnografía e a antropoloxía visual. A MICE acollerá así filmes que chegan á capital galega logo de pasar por festivais do prestixio da Berlinale (Ohne Diese Welt, de Nora Fingscheidt), Visions du Réel (La nuit éclaire la nuit, de Lo Thivolle) ou o ForumDoc de Brasil (Deixa Na Régua, de Emílio Domingos).

As entradas son gratuítas. O único preciso para asistir, tanto na sección oficial como nas seccións paralelas, é recollelas con antelación nas billeteiras dos diferentes espazos onde se celebrará a Mostra. As entradas para as sesións no Teatro Principal estarán dispoñibles dende mañá venres 1 de xuño, mentres que as billeteiras do Salón Teatro abrirán o venres 8 de xuño a partir de 16.00h. As sesións e a entrada ás actividades paralelas no Museo do Pobo Galego son de acceso libre ata cubrir aforo.

A gala de entrega de premios, que se celebrará o sábado 9 de xuño, estará presentada por Apatacón, un proxecto formado por Faia Díaz e Vero Rilo que xunta voz narrada e cantada. Nesta entrega emitirase o fallo do xurado formado por Elisenda Ardévol, Miguel A. Cambrón e Manuel Precedo, que outorgará entre os filmes a concurso da Sección Oficial os premios á Mellor Película Etnográfica e á Mellor Película Galega. Ademais, tamén se fará entregará do Premio do Público, escollido polas votacións das persoas asistentes ás sesións.

Muller e cinema

Esta edición da MICE conta cunha programación paralela marcada pola vontade de visibilizar as miradas das realizadoras no ámbito do cinema etnográfico, na que destaca a sección Etnografía, muller e cinema, coordinada pola investigadora en artes visuais e feminismos Anxela Caramés. Esta parte da programación reacciona ante o carácter androcéntrico dominante nas Ciencias Sociais e ante a dificultade das cineastas para ter un espazo propio no que recoñecerse. Nesta sección amósase o traballo de realizadoras de moi diversas procedencias que teñen en común un xeito persoal de abordar o cinema etnográfico. As outras dúas seccións non competitivas da MICE teñen tamén unha destacada presenza de filmes dirixidos por mulleres: Trazas, coa que o Cineclube de Compostela renova a súa colaboración coa Mostra, presenta unha selección de películas centrada na relación entre etnografía e ficción; mentres Espiello ofrecerá ao público a oportunidade de ver dous dos filmes galardoados este ano no Festival Internacional de Documental Etnográfico de Sobrarbe, un dos de máis renome no seu ámbito.

A sección Etnografía, muller e cinema, que forma parte do programa da MICE por segundo ano, reacciona contra o carácter androcéntrico dominante nas Ciencias Sociais e no mundo do cinema. A primeira sesión da sección recolle tres curtametraxes de tres cineastas do Líbano, Israel e Turquía, que rexistran a vida cotiá dos espazos e das persoas que filman, marcada pola inestabilidade política: trátase de Tshweesh (Feyrouz Serhal), The boy from H2 (Helen Yanovsky) e Why is Difficult to make Films in Kurdistan(Ebrû Avci), pezas que veñen de participar na sección de curtas da Berlinale, como The boy from H2, ou de recibir un galardón no DocLisboa 2017 como Why is Difficult to make Films in Kurdistan. A segunda sesión, tamén de curtas, compóñena as obras de dúas autoras galegas (Cruz Piñón de Xisela Franco e Fisterra, carne de Safari de Olaia Sendón) e Las Filanderas de Estíbaliz Sádaba, un proxecto videográfico para o MUSAC (Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León) sobre a dificultade histórica das relacións das mulleres co espazo público. Etnografía, muller e cinema complétase coa proxección de Trinta Lumes, a primeira longametraxe de Diana Toucedo, unha ficción sobre o Courel moi apegada ao real e que vén de pasar con éxito pola Berlinale ou o Festival de Sevilla. Diana Toucedo, Xisela Franco e Olaia Sendón estarán na MICE presentando as súas proxeccións.

Cartaz 13ª Mice.

Cartaz 13ª Mice.

Trazas e Espiello

Por segundo ano consecutivo, o Cineclube de Compostela colabora coa MICE programando unha sección. Se o ano pasado recopilaban catro décadas de cinema etnográfico para celebrar o 40 aniversario do Museo do Pobo Galego, este ano ocúpanse de seleccionar os filmes de Trazas, que pretende ter unha continuidade para próximas edicións. Esta sección protagonízana filmes que presentan os diferentes usos de estratexias e recursos ficcionais no marco do cinema etnográfico. On the Bowery(Lionel Rogosin, EUA, 1956), a máis antiga da escolma, é un filme chave do Novo Cinema Norteamericano que mestura un lene fío narrativo, a posta en situación da propia vida e as secuencias de cámara oculta que tentan apreixar o real. Trás-os-Montes (de Margarida Cordeiro e António Reis, Portugal, 1976), un dos filmes clásicos do cinema portugués, presenta un crisol de historias reais ou inventadas dos habitantes da rexión de Trás-os-Montes nas que resoa o folclore e os mitos da terra. Nice Coloured Girls de Tracey Moffat (Australia, 1987) contrasta a relación entre mulleres aborixes e homes brancos no pasado e no presente tentando explicar certos comportamentos contemporáneos a través do peso que ten no país o pasado colonial. O colonialismo permea tamén as imaxes de Turumbade Kidlat Tahimik (Filipinas, 1981) que narra en tono lixeiro a posta en perigo das costumes e tradicións dunha familia filipina que viven de facer xoguetes artesanais que venden nunha festividade relixiosa. Por último, Daughter Rite de Michelle Citron (EUA, 1978) debuxa unha devastadora imaxe das relacións familiares a través dun uso crítico e reflexivo das estratexias fílmicas do documental e o arquivo doméstico.

Por último, repite nesta edición número 13 da MICE do Museo do Pobo a sección Espiello. Espiello, o Festival Internacional de Documental Etnográfico de Sobrarbe, todo un referente internacional no ámbito do documental e da antropoloxía visual, é colaborador da Mostra dende que esta botou a andar. As dúas películas que se inclúen nesta sección foron galardoadas neste festival: Marquis de Wavrin, du manoir à la jungle, de Grace Winter e Luc Plantier (Bélxica, 2017) levou o Premio Espiello Rechira ao mellor traballo de investigación, mentres que China’s 3Dreams de Nick Torrens (Australia, 2014) foi galardoado co Premio Espiello IAMS concedido pola International Asociation for Science in Media. Ambos filmes terán a súa estrea en Galicia na MICE.