fbpx
CompostelaGastronomíaNovas

Tempo de cocido

Foto: Iván Barreiro

Estamos en plena tempada de cocido e non haberá pandemia que nos impida gozar dunha das nosas tradicións máis saborosas!

Para probar un dos mellores que se fan en Santiago, recomendámosvos elixir A Nave de Vidán, na Avenida Mestra Victoria Míguez número 44. O local, de mil metros cadrados e con xa 9 anos de historia ás súas costas, dispón de varios espazos: café-bar, comedor, terraza e unha sala para eventos e reunións. Practican unha cociña tradicional, de elaboración propia, con produto de proximidade e tempada. Cando as restricións o permiten, abarcan todo o abano da hostalaría, dende a mañá ata a noite, con racións, menú diario de luns a venres, carnes á brasa, peixes, cociña de mercado, suxestións…

Costela, lacón, orella, chourizo, patacas, grelos, garavanzos e filloas. Ao cocido de A Nave de Vidán non lle falta de nada! O seu segredo? “A calidade do produto que empregamos e a experiencia que nos dá levar xa nove anos facéndoo. Non é doado. Ten o seu truco”, explica o seu propietario, Lois Lopes. “É moi importante o punto de cocción”, desvela.

E o seu traballiño dá! “Moito! Empeza co desalgado da carne, a limpeza das verduras, das patacas … Hai que facer as filloas, as orellas… Pode levar ben unhas dez horas. Tes, por exemplo, que limpar moi ben a carne, a orelliña do porco hai que mirar que non teña pelos, hai que rascala… Facelo ben dá moito choio!”, explica Lopes.

O resultado? Un auténtico manxar galego que podes gozar na túa casa os sábados e domingos previa reserva. En A Nave ofrecen o servizo a domicilio a través de Just Eat. “Agora tamén chegamos a máis lugares coa aplicación Obviuoseat, ao Milladoiro, Bugallido, Biduído, As Galanas, Balcaide, Pardaces, Villestro, Montouto, Santa Lucía…”, apunta Lois. Podes consultar todos os puntos na app ou chamar ao teléfono do restaurante (981 522 110) para informarte.