Tartitis, luz e cor no Ensanche compostelán

Tartitis é desas cafeterías que nos transportan a un mundo de cor e dozura, grazas aos seus tons pastel, moi acorde coa súa filosofía, e as súas mensaxes amables, que decoran as paredes ao mais puro estilo Mr. Wonderful. A amabilidade é tamén o selo persoal de Olalla, artífice deste recuncho especial no Ensanche compostelán, nacido en 2012.

É un local de pequenas dimensións moi agradable. Luminoso, de cores branco e rosa pau, mobiliario de madeira clara e con recunchos que convidan á positividade. Unha especie de casiña de bonecas en pleno Ensanche.

“A nosa oferta principal son as tortas e para acompañar os tés, cafés e batidos”, cóntanos Olalla.

E damos boa conta diso. Olalla recibiunos co máis característico da súa casa: Red Velvet, torta de mazá e canela, e torta de chocolate con Oreo. Para beber Ginger tea (té verde con cortiza de limón, flores de laranxo e froitos de xenxibre) e Templo branco (té verde, perlas de xasmín, piña caramelizada, mango caramelizado, aroma natural, papaya caramelizada, fresa, grosella, albaricoque e guindas). Xunto aos tés de toque sofisticado, Olalla ofreceunos o seu delicioso (e estético) batido de fresa, framboesa e froitos de bosque, e o seu batido de chocolate con galletas Oreo, que sorprendían dentro do vaso a cada cullerada. Todo caseiro, feito no momento e cuns sabores intensos e naturais.

Na cociña de Tartitis, á vista do público, cocíñanse con moito mimo as tortas. “Realizamos de moitos tipos: mazá e canela, noces, queixo... As que máis saída teñen son as de Oreo e Red Velvet, xunto co batido de fresas e vainilla”, comenta Olalla. Pero a oferta non acaba aquí xa que en Tartitis usan a creatividade para estar en constante movemento, tanto coas tortas como cos tés. “Sempre imos incorporando sabores novos que cambiamos a diario”, sinala Olalla.

Está frecuentado durante todo o día tanto por familias, debido a que é un lugar moi amigable para os nenos, como por grupos de estudantes, pola proximidade da Universidade, con ganas dun sitio tranquilo e acolledor.

Outro dos atractivos de Tartitis é a posibilidade de levarcho á túa casa ou celebración. "En 2012 empezamos realizando pedidos por encargo para aniversarios, vodas, bautizos… Nas vodas, creamos “mesas doces” e tortas, totalmente personalizadas segundo as preferencias dos nosos noivos".

Así que xa sabedes, se buscades luz, cor e alegría no Ensanche, Tartitis é o voso recuncho para merendar.

TARTITIS

Rosalía de Castro, 3

639890402

www.tartitis.com

Aberto de luns a venres (08:30-21:30), sábados (10:00-21:00). Domingos pechado.