TANXUGUEIRAS: “A nosa música pode ter a mesma proxección ca calquera outra”

Por Xiana Lastra

Aida, Olaia e Sabela presentarán o primeiro disco de Tanxugueiras o 3 de xuño na Capitol. Foto: PhixelinPhoto

Aida, Olaia e Sabela presentarán o primeiro disco de Tanxugueiras o 3 de xuño na Capitol. Foto: PixelinPhoto

Hai xa un par de anos, un furacán con alma de muller e potencia desmesurada irrompeu na nosa terra deixándonos a tod@sdescolocad@s. O seu nome non era Ophelia, era Tanxugueiras. Aida, Olaia e Sabela, que chegaron para revolucionaren o panorama da música tradicional galega coas súas voces potentes e afinadas e a súa actitude rebelde, presentan o seu primeiro traballo discográfico o día 3 de xuño na Sala Capitol de Compostela. Son enerxía, amor, calidade e aire puro. Falamos con Sabela para que nos desvele algúns dos segredos…

O voso disco é probablemente un dos máis agardados do momento. Cóntanos en primicia como será?

Neste primeiro traballo queriamos reflectir a forza que ten a nosa música tradicional, darlle un enfoque máis ibérico e, sobre todo, que soase actual, ao que escoitamos hoxe en día.

Ten varias sorpresas, demostrando a tolería que tanto nos caracteriza.

Sobre todo queriamos plasmar todas as influencias musicais que están presentes nas nosas vidas e coidar ao máximo todos os detalles, tanto musicais como no deseño do disco. Temos moi claro que non vai a deixar indiferente a ninguén.

Como foi o proceso para elixir o repertorio? Seguistes algunha premisa?

Tiñamos moi claro que todas as pezas tiñan que ter un significado, queriamos que, ao ser o noso primeiro traballo, quedasen plasmadas todas esas cancións que nos marcaron dende un inicio, dende que comezamos nas asociacións de moi nenas ata o día de hoxe. Ese foi esencialmente o filtro. É como unha fotografía da nosa experiencia vital.

Sei que neste proxecto participou e colaborou moita xente, tamén de fóra de Galicia. Podes darnos nomes?

Tivemos moita sorte porque participaron un montón de músicos, ou máis ben eu chamaríalles musicazos!!! A verdade é que nos sentimos moi afortunadas e arroupadas. Falamos por exemplo de músicos da talla de Pablo Martín Jones (Coetus, Eliseo Parra, Drexler…) ou Jaime Muñoz (La Musgaña). Tamén dos que nos acompañan desde hai tempo, como Cibrán Seixo, ou doutras persoas moi coñecidas no noso panorama musical como José Manuel Díaz, Francisco Troncoso, Benxamín Otero, Bleuenn Le Friec, Pablo Dalama, Abel Gañete, Germán Díaz ou Pablo Pascual.

Na dirección artística tivemos a enorme sorte de ter ao produtor musical Pedro Pascual (produciu en Laio, Marful, Najla Shami, Davide Salvado, Guadi Galego, Talabarte, Pés de lan, Descarga ao vivo…). É unha marabilla traballar con el porque sempre o fai todo con ese agarimo e esa paciencia que o caracteriza.

Tomás Ageitos, Xabier Olite e José Trincado puxeron os estudos, nos que nos fixeron sentir comodísimas e, por último e non por iso menos importantes, estiveron persoas como Sonia García, encargada do deseño gráfico. Non queremos desvelar moito, pero fixo un traballo impresionante. PixelinPhoto fíxose cargo da fotografía, que foi un traballazo, e  ti… (ri), ti sempre es os ollos e as mans que nos collen… (para quen non o saiba é a nosa manager).

E despois tamén temos que falar de Elena Ferro, que nos fixo os Tanxuzocos, e da nosa Sés, que nos traduciu varias das letras do disco cun gusto exquisito e á que lle temos que agradecer ademais as conversas interminables e os consellos.

Parece moito pero non o contei todo, queda algunha sorpresa que xa saberedes, ha ha.

Daquela teremos que agardar… Como vos sentides co nacemento do voso primeiro traballo discográfico? Que expectativas tedes?

Sentímonos cheas de alegría e de emoción e, por que non dicilo, algo nerviosas; creo que é inevitable cando pos tanto esforzo nun proxecto.

Expectativas… hahaha, pois chegar ao corazón de toda a xente que o escoite e, sobre todo, concienciar de que a nosa música pode ter a mesma proxección ca calquera outro xénero.

Como xa dixemos, o tres de xuño presentades o disco na Sala Capitol de Compostela. Que poderemos ver ese día? Que banda vos acompañará nos directos?

Pois poderedes ver a tolería que tanto nos caracteriza, o amor polo noso e festa, moitísima festa!!! Os músicos que nos acompañarán nos directos son uns pedazo de profesionais. Nada máis e nada menos que Isaac Palacín na percusión, José Manuel Díaz no baixo eléctrico e co contrabaixo, Cibrán Seixo na guitarra e no violín e Rubén Fernández co acordeón.

Sabela. Foto: PhixelinPhoto

Sabela. Foto: PixelinPhoto

Outra boa nova para vós é que sodes de novo finalistas nos Premios Martín Códax da Música na categoría de Música tradicional e folk, por segundo ano consecutivo. Que supón estar nomeadas e que suporía gañar?

Estar nomeadas para nós é unha alegría inmensa, un premio por estes anos de esforzo e dedicación. Se gañamos sería moi emocionante, ver como o noso traballo é valorado e claramente fariamos unha festaza por todo o alto hahaha.

Falando de festa… Que credes que é o que vos define como grupo? A xente fala das vosas fabulosas voces, do extravertidas que sodes, da modernidade que lle achegades á música tradicional… que credes vós?

Creo que o que máis nos define é a unión que temos as tres, a tolería e, sobre todo, o feito de non termos complexo pola nosa cultura e a nosa fala.

A música e os cantares tradicionais teñen que evolucionar, supoño que nós estamos a darlle ese enfoque de música dos nosos tempos, ou polo menos é algo que intentamos facer.

En moi pouco tempo convertéstesvos nun referente da música tradicional galega, colaborando con artistas xa consagrados e mesmo participando en festivais no estranxeiro, como o Celtic Connections. En que lugar vos faría especial ilusión actuar e por que?

Foi todo moi rápido, nós mesmas nos vimos totalmente superadas polos acontecementos. Pasamos de cantar practicamente na nosa casa a colaborarmos con grandes artistas, participarmos en programas de televisión, actuarmos en moitos dos festivais da nosa terra e, como dis, incluso fomos tocar ao estranxeiro. No Celtic xa estivemos dúas veces. É todo unha auténtica pasada e algo moi bonito de vivir. Encantaríanos tocar e viaxar por todo o mundo, eu sempre dixen que quero tocar en China ha ha ha, elas decántanse máis pola India, Xerusalén…

Desde fóra todo parece moi bonito, pero as que estamos no mundillo sabemos que seguir o voso ritmo de concertos compaxinándoo con outros traballos ou cos estudos faise complicado. Como o levades e que facedes para que o corpo aguante?

Primeiro dicir que vivimos coa axenda na man e a maleta á vista. O corpo aguanta porque estamos a vivir unha experiencia marabillosa e, sobre todo, porque facemos o que nos gusta e o que nos motiva, pero está claro que todo ten o seu esforzo e renuncia de moitas cousas, calquera persoa que se dedica a isto sabe que sobre todo hai que renunciar ao tempo libre e case podería dicir que tamén á vida social.

Vivimos por e para o noso proxecto, intercalando os nosos traballos e estudos, moitas veces facendo “Tetris”… Pode chegar a ser moi anguriante, pero a recompensa paga a pena.

Vós vides da cultura tradicional pero nótasevos que tamén tedes outro tipo de referentes musicais. De onde vos veñen as influencias? Que música escoitades?

Nós escoitamos todo tipo de música: pop, rock, blues e teño que dicir que incluso escoitamos reggaeton (ha ha ha), imposible non escoitalo, está a todas horas nas radios do noso país. Os recursos que utilizamos creo que veñen dunha mestura de todas elas, sempre sendo fieis á nosa música tradicional e sobre todo utilizando o noso idioma.

Por que o novo CD se chamará “Tanxugueiras”?

É o noso nome, ese que nos acompañou dende o comezo, este primeiro álbum tiña que ser si ou si Tanxugueiras, non concibiriamos que fose outro.

Xa para rematar… Que lle dirías á xente para que se anime a escoitar o voso novo traballo?

Que o fixemos con todo o noso agarimo e que estamos moi contentas co resultado. Que o gocen, que o bailen e sobre todo que se emocionen con cada unha das pezas.