fbpx

Stormy Trucks: Rock & Roll a Punta Pala!

Por César Varela (@imitoaquenson), de Historia do Rock Compostelán 

Stormy Trucks. Foto: Eli Palme
Stormy Trucks. Foto: Eli Palme

Sabedes que ocorre cando tres veteranos do Underground Compostelán se cruzan On The Road? A resposta é: Rock & Roll e Rockabilly a Punta Pala! Iso é exactamente o que fan estes tres especímenes, que levan anos contaminando os sumidoiros desta cidade maldita, con fracasados proxectos, que forman parte da estrutura ósea da subcultura musical.

Os anos pasan e o talento permanece! E agora circulan a 666 rpm na súa carruaxe, abrindo grandes fochancas polas rúas da cidade, coma se dun martillo se tratase. Ándate al lorito chavalito! Os Stormy Trucks xa están aquí e veñen para quedarse!

Formados a finais do 2018, Stormy Trucks practican R&R con maiúsculas, directo á vea, sen contemplacións, caralludamente elaborado e con moi mala intención. Cando os escoites, descubrirás por que se fan chamar así. A súa música soa igual de ben, ou mellor, que o motor dun camión americano clásico.

O seu repertorio está composto por temas propios e temas revisados. Así é como entenden eles que ten que ser o R&R. Entre os propios destaca «Un Segundo de Terror» (V. Caamaño) rescatado da primeira maqueta dos Clan Moriarty. Entre os revisados, «The Train Kept A-Rollin» (T. Bradshaw), «Standing at The Crossroads» (M. Jupp), «The Devil’s Chasing Me» (Reverend Horton Heat) ou «Run Through The Jungle» (J. Fogerty). Creedence Forever!

Valentín Caamaño “Valens” ven armado dunha Gretsch G6120, Duco Miserable cun baixo Human Base X e Andrés Rivas golpea unha das súas baterías Rogers dos anos 60.

A principios do 2019 gravaron no estudio de Valens a súa primeira maqueta. Tres temas que podes escoitar no Bandcamp, mesturados e masterizados por Martín Esturao nos Estudios Bungalow. Ademais, cada corte vén acompañado do seu respectivo VideoClip, que podes visualizar na súa canle de YouTube, e por se aínda non tes suficiente, en TNT TATTOO (Milladoiro), podes incrustarte na pel o seu logo, creado polo gran tatuador Javier Rivas. Mátame camión! Tamén podes seguir os seus pasos no Facebook e Instagram, onde van informando das novidades de banda e dos próximos bolos.

E para ir quentando motores, terás que marcar na túa axenda a data do próximo concerto que ofrecerán na nosa cidade. Será o 8 de xuño no Rock Café. E cando estes tres se xuntan e arranca a máquina, todo é como sinxelo e primitivo á vez. Así que, engoma ben o tupé, pon os buggies, prende a Harley, e prepárate para sangrar R&R polos catro costados.

Tomade e bebede todos deste R&R desde a Cripta. Engraxade os motores e pisade a fondo o acelerador, porque isto non fixo máis que comezar.

El diablo sobre ruedas acecha en la carretera, ten cuidado si no quieres morir!