fbpx
CompostelaCulturaEntre MúsicasNovas

Sr Salvaje: “Neste disco sorprendinme recoñecendo moitas cousas íntimas”

Por Xiana Lastra

Guillermo Vistoso forma Sr Salvaje, xunto con Antón “Torroncho” ao baixo, Emilio Iniesta á batería e Manu Gómez ás teclas. Foto: Iván Barreiro
Guillermo Vistoso forma Sr Salvaje, xunto con Antón “Torroncho” ao baixo, Emilio Iniesta á batería e Manu Gómez ás teclas. Foto: Iván Barreiro

Quedo con Guillermo Vistoso no Fuco Lois de Compostela, onde despois dará un concerto. Xa ten todo preparado: “Traio dobre de todo por se algo se estropea”, asegura. E é que Guille, malia ser de Ferrol, coma unha servidora, é xa un personaxe moi coñecido do panorama musical da cidade que acostuma a dar moitos concertos en acústico como fará esa mesma noite. Mais non só toca en solitario. Ten o seu propio proxecto, que empezou sendo algo moi persoal e que hoxe comparte con Antón “Torroncho” ao baixo, Emilio Iniesta á batería e ManuGómez ás teclas: Sr Salvaje.  

Cóntanos como empezaches nisto da música? De onde che vén?

Son de Ferrol e ti ben sabes que alí hai moito músico (ri). Na miña casa, tanto meu pai como miña nai tocan un pouco a guitarra e cantan moi ben, igual que miña irmá, así que xa viña dunha familia bastante musical, estaba xa un pouco predisposto a iso. Ademais, na época do instituto ía a moitos concertos. Lémbrome por exemplo moitísimo de Riff Raff (banda tributo a AC/DC). Daquela eran como os referentes totais para min porque me flipaba AC/DC (sígueme flipando), pero velos a eles era como moi impresionante porque os tiñas aí, diante de ti, e sentías que querías facer o mesmo ca eles. Aínda que a música sempre me tirou moito, empecei relativamente tarde a tocar a guitarra, como aos 16 ou 17 anos, pero foi como unha febre…

E como foron eses primeiros pasos coa guitarra?

Ao principio escoitaba de todo un pouco: rap, heavy, a música que escoitaban meus pais como Dire Straits, Supertramp, Sabina… unha mestura! Pero lémbrome perfectamente da primeira vez que escoitei AC/DC con 12 ou 13 anos. Tiña meu pai un mp3 dos primeiros que saíran con música deles, e foi unha cousa… lémbrome da sensación de non saber o que estaba escoitando pero quedar flipado! Despois, unha profe que tiven de música nos primeiros anos de instituto, Pilar Martínez, regaloume un directo seu, o Stiff Upper Lip, e comecei a aprender todos os temas coa guitarra española da miña nai. E claro, cando souben tocar toda a guitarra solista dese directo, xa sabía tocar (ri).

Desde entón tocaches en varios proxectos, cando decides crear Sr Salvaje?

Foi a finais de 2019. Eu viña de estar tocando con Mojo Experience, banda da que saíra ese mesmo setembro.  E viña tamén de estar traballando como músico de sesión, curraba de camareiro… (sabemos que as barras de bar están cheas de artistas). Pasei por todo o abano, desde acompañar cantautores ou tocar blues ou blues rock,  a facer outros estilos máis acústicos… pero apetecíame volver ao rock. Entón, collendo todas esas cousas que fun aprendendo ao longo deses anos ocorréuseme a idea de montar Sr. Salvaje. Foi un proxecto moi pensado desde o principio. Non sabería definir exactamente o estilo que quería facer daquela, mais tiña claro que quería ir nesta onda de M Clan, Revólver, Los Zigarros…, con reminiscencias de todo iso.

Foi un proxecto que comezaches en solitario.

Si, compuxen eu só o primeiro EP de Sr. Salvaje. Ao principio non tiña banda nin tiña nada. Fixen incluso unha campaña promocional por Compostela, poñendo carteis con QR que te levaban á páxina de Facebook, pero en realidade detrás aínda non había nada de nada, estaba eu só coa miña parella daquel entón que me axudou moito a comezar.

Ese primeiro EP titulábase “III”. Como foron os inicios como banda?

Sempre escoitei moito a Los Suaves, entón creo que a tintura que teñen as letras dese primeiro traballo vai moito nesa onda, como moi metafóricas… non tiña moi definido o estilo nin moi feita a man ao bolígrafo. Ata ese momento pouca cousa escribira e era máis ben compositor a nivel instrumental. Isto supuxo un reto cuádruple, porque de repente tiña que coller o timón dun proxecto, poñerme de frontman coa guitarra e a voz, escribir… A finais dese ano fixemos uns concertos de promo aos que lles chamamos “bolos cápsula” porque duraban 15 minutos. Funcionaron moi ben e espertaron bastante interese naquel momento. A PUTADA: tivemos o noso primeiro concerto o 12 de marzo do 2020 na Sala Capitol, dous días antes do confinamento. Estabamos tan centrados preparando todo que escoitabamos algo dun virus pero nin tempo tiñamos de ver o telexornal ou de escoitar a radio… Tiñamos practicamente todo vendido e que pasou? Que só viñeron 53 persoas. Foi un bolo durísimo porque a sensación era a de estar nun búnker e que fóra caían bombas nucleares. Eu, particularmente, estaba desolado. Lémbrome especialmente de “Figui”, Ramón Figueira, que era un dos convidados que tiñamos nese concerto, porque apareceu no backstage cunha botella de Jack Daniels e díxome: “Toma, tío. Parabéns polo proxecto, isto seguro que vos axuda a temperar un pouco a historia…”. Conclusión: que o primeiro concerto de Sr. Salvaje fíxose practicamente grazas a Figui (ri).

E por que ese nome?

Venme da etapa da banda anterior. Era guitarra solista, podíame mover moito no escenario e tamén me metía entre a xente, así que sempre me dicían “eres un animal”, “pareces un salvaje” e cousas deste estilo. E como no inicio era un proxecto máis persoal escollín o nome un pouco por iso. O de “Sr” foi por facer un pouco a contraposición co de “Salvaje”, e que non fose tan…

Que non quedase só no de “Salvaje”, non? Haha. Pasaches de AC/DC aos Suaves pero o voso son actual parécese bastante a outras bandas estilo M Clan como xa dixeches. Por que?

Ese mesmo ano, tocando nun bar aquí en Compostela, dixéronme varias veces que me parecía moito cantando a Carlos Tarque. E joder, esa é unha adulación que flipas, porque é un dos mellores cantantes, considero eu, da historia do rockespañol. Pero claro, eu de M Clan naquel momento só coñecía o “Carolina” (risas), e ata case me parecía mal a comparación! Un día por curiosidade comecei a escoitar o que facían e aí abriuse a caixa dos tronos, porque teñen unha discografía de calidade bestial, tanto instrumental como a nivel compositivo, e pensei: “como me gustaría a min ter unha banda nesta onda”. Pero non é que M Clan sexa o target nin moito menos. De feito eu ao compoñer, compoño un pouco o que me vai vindo sobre a marcha e vou tirando do fío. É curioso, porque a xente dinos agora mesmo que soamos máis cara ese estilo que no noso primeiro disco (“III”, Rock CDRecords, 2020), que é cando máis escoitaba a súa música.

Guillermo, no Fuco Lois. Foto: Iván Barreiro
Guillermo, no Fuco Lois. Foto: Iván Barreiro

Miss Fortuna foi o primeiro sinxelo do que será este novo traballo. Quen é?

Pois Miss Fortuna é o que o seu nome indica, a sorte, literal e absolutamente. Non é unha rapaza, non é unha persoa, pode ter pinceladas de persoas que coñezo, ou de situacións que vivín, pero en xeral, se te paras a analizar a letra, fala un pouco dese sentimento de atrape xeral dun músico coa noite (“ arrasas con todo y dás vuelta al reloj), co estar falto de fondos (“el frigorífico se tambalea”)… É dicir, non tes un puto duro para comprar comida pero segues nesa roda na que pensas que pasan cousas boas e interesantes pola noite, que vas pechar o bolo da túa vida, o contrato discográfico da túa vida… Non sei se é que me estou facendo maior pero a esas alturas xa tiña claro de que non é así e que de feito, pola noite, case todo cae en saco roto e isto habitualmente atribúeselle á mala sorte. Pois non.

Dicías que no primeiro traballo non tiñas a man moi feita ao bolígrafo. Como te sentes agora?

Aí peguei un salto, considero, como autor. Penso que me atopei un pouco coa pluma e o papel e comigo mesmo como escritor de cancións. Creo que agora si que vou poñendo cada vez máis cousas das miñas vivencias ou dos meus adentros. Sempre dicía que eu inventaba historias e que non tiñan nada que ver comigo, pero neste novo disco si que me sorprendín, agora escoitando xa as mesturas, a min mesmo recoñecendo moitas cousas íntimas, incluso da infancia.

Que esperas cando saia o disco?

Que a xente o poida desfrutar mentres toma unha birra. É un disco moi traballado e coidado do que queremos sentirnos orgullosos cada vez que soe, sexa enlatado ou vibrando canda nós en directo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.