Soa, nun bar! A miña experiencia en TS – A Casa

A soidade nun bar é un estado complexo, máis complexo do que podemos asumir, ás veces. Unhas veces por buscar o amor, outras por esquecelo, algunhas veces por traballo, outras para despexarte ou para relaxarte, unhas veces para coñecer xente, outras veces para apartarte dela… Para todas esas ocasións nas que queres e necesitas estar soa/só, están os bares!

A última vez que fun de bares: Fun soa, porque quixen! A anterior, tamén. Nunha destas andanzas, fun a miña selva favorita en Santiago, TS – A Casa. Chámolle selva, porque está chea de verdes, de follas, de guacamayas, de sons exóticos, de olor a froita, de camisas floreadas e ata hai persoas de países tropicais dispostos a facerte sentir ben acollida, protexida e libre de voar coas túas plumas de cores. Entrei, sorrín, púxenme na barra, fixen unhas fotos, pedín un cóctel (de tequila, por certo) e acomodeime na barra para pensar, mirar, eu que sei… Para estar aí, soa nun bar… Gozando! De que? Pois do entorno, da música, dos camareiros que son compañía na miña soidade, do primeiro aniversario dun establecemento que veu pisar forte a Santiago e que trouxo novos conceptos, novos sabores e unha forma de ser peculiar, distinta, cálida, tolerante e moi respectuosa.

Non quero parecer arrevesada, pero para que me entendades, ás veces chegar a vivir a unha cidade descoñecida, sen amigos, e facer algo tan simple como ir tomar un café só/soa a un bar, non é unha tarefa tan doada. Primeiro hai que enfrontarse (cada día menos, por fortuna) aos prexuízos, complexos, etiquetas e ‘quediráns’ de outros e tamén aos teus! Non pasa nada porque unha rapaza, muller, señora, vella, moza, dona, vaia tomar algo sen compañía, incluso pola noite. Tampouco pasa nada se o fai un mozo, un home ou un vello. É un exercicio espiritual, físico e emocional que non sempre sae ben á primeira, pero que cos anos perfeccionas, ata facerte unha experta en buscar sitios tranquilos (ou non tanto), onde poder almorzar, traballar, ler, estudar, divertirte ou estar pasmando ti soa.

Marcos e Santiago, donos de TS – A Casa, son hostaleiros convencidos, deses que gustan moito moitísimo do seu traballo, din que iso é fundamental para conseguir empatizar coa xente que entra pola porta, especialmente aqueles que veñen sen compañía.

O deles son as relacións humanas. “Hai unha rapaza que ven soa a traballar, fai un despregamento na mesa de todo tipo de aparellos, libros, etc… Algún profesor que corrixe exames. Un escritor que ven ler as cartas coas que documenta a súa obra… Os relatos que escoitas, ao final participas delo e creas un vínculo, unha atmosfera”. Pouco a pouco me van describindo o pequeno universo de soidade e de personaxes e persoas diversas que se xuntan neste recuncho da Rúa de San Pedro… “Aquí en Santiago vese moita xente soa nun bar, noutros sitios de Galicia é moito máis raro!” Está claro que as circunstancias persoais inflúen en cada ocasión que un dá o paso e vai só a un bar e hai determinados sitios en Compostela que fan de fogar, de segunda casa. Así o definen Santiago e Marco. “As veces, apetéceche ir ti só a un bar, sen que che rompan a cabeza, no teu mundo. Respirar só e tranquilo. Eu (Santiago) antes non o facía case nunca e agora fágoo cada vez máis!” –Intervén Marco- “As veces non tes a ninguén. Estás triste. E necesitas saír dunha escuridade e buscas espazos e persoas de luz, gustaríanos que este local provocase iso na xente!”

Neste momento da entrevista sinto melancolía e recordo a unha rapaza de 17 anos que chegou soa a vivir a Santiago, sen máis nada que o seu medo, o seu valor, o seu acento mexicano, que aínda lle volve de cando en vez, e a súa devoción polo tequila. E contra todo prognóstico, fíxose dura, enfrontouse ás súas ideas preconcibidas e aos tópicos e foi soa de bares! Para unha persoa que está soa o bar é un ben necesario, mesmo imprescindible para, as veces, aliviar a soidade.

“Hai xente que che escribe a través de redes sociais e logo en persoa non che fala. Vivimos nunha sociedade un tanto estraña. Por iso nos gusta tanto facer festas, eventos e xuntanzas, porque a xente sóltase e entón consegues que se abran! Cada cliente é especial e un honor ter aquí a cada un de vós. O local é noso é a nosa casa e queremos que te sintas como na túa. Aquí vas ter que cumprir unhas regras, a básica é o respecto a todos os demais. Éme igual quen sexas, éme igual a roupa que levas, se es gay, hetero, alto, baixo, delgado, gordo. Aquí somos todos iguais e somos moi respectuosos. Se non o vas ser, non es benvido na nosa casa!”

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Que lle diriades a alguén que nunca foi só a un bar, para que se atreva a vir aquí?, pregunto. “É unha experiencia, goza do momento. Do entorno, das cores, da música… Intentamos crear un todo. Coñecemos cada cravo do local, cada cadeira. Sentámonos en cada unha das mesas, para comprobar como se sente o cliente. Queremos que fixe a súa atención na guirnalda, nas cores do loro e as súas perfecta plumas, para que se distraia, para que esqueza os problemas. O sorriso é moi importante. Recibimos a todo o mundo cun sorriso. Dous, se che poñen mala cara ou te contestan mal! (gargalladas e a miña sorpresa) Si!! Despois de dous e tres sorrisos, conseguirás que o cliente cambie de actitude, ao mellor é só un amago de ensinar a punta dos dentes, pero farache o día!”, conta Santiago co peito satisfeito e con alivio.

Para min son almas que se complementan. Entre os dous fan as miñas estancias unha ledicia. “Es como un peixe e estamos pescándote por algo! -Ri Marco- Intentas conseguir dalgún modo identificación cos clientes. Explicamos como son os nosos pratos, xa que non temos carta, tan só unhas suxestións na pizarra. Espertas a curiosidade, levas o produto á mesa”… Que traballazo o dos meus amiguiños!! E fano tan ben.

Evidentemente hai determinados locais nos que te sentes mellor. Non valen todos. “Vas por algo especial, pola parede, polo camareiro, polo loro ou polas plantas colgantes. Aquí observamos todas as caras. Como miran cara a lámpada… cara os elementos que che axudan a evadirte. As veces tes que explicar que non é malo vir só. Pode haber alguén que estea triste ou que necesite liberarse. Cando te escollen é un orgullo. Vívelo! A hostalería é cansada e cansina. Pero nós gozamos cos clientes. O local é como a nosa casa, pasamos o día aquí. Pensamos nas necesidades da xente, que queren, que lles fai falta… E así xurde a idea de TS- A casa! Hai clientes que queren paz, non queren falar contigo. Hai que entendelo e respectalo. Hai persoas bordes, secas, pero tes que tratalos tan ben ou máis que aos demais. Cambiaraslle o día a esa persoa! Nós somos moi sinceros e directos.  Temos o bar non só para facer cartos!”

Cando volvín despois desta conversa, Santiago e Marco, aos que non lles para de traballar a cabeciña, deseñaran uns manteis individuais, co fermoso rostro de Carmen Miranda nun lateral, sorrindo e ataviada co seu exótico sombreiro de flores de cores, co que inmortalizou a súa samba. Explicáronme que pensaron que así, deste xeito, ao poñer o prato dun lado, o sorriso da cantante faríanos compañía durante o xantar, do outro lado. Déronme gañas de abrazalos e ata de chorar! Pero non o fixen, porque che son moi dura! Simplemente voei un pouco polo bar, soltando algún chío, algunha pluma de cores das miñas e logo pedín un cóctel, deses tan ricos, dos que levan tequila!

Posdata. ‘Grasias’! Volverei vir soa ao voso bar 😉