fbpx
A gorida do artistaCompostelaEntrevistas

José Luis Iglesias Diz: “Sinto dende neno o debuxo e a pintura como algo natural”

Por Inés Silvalde

José Luis Iglesias Diz

Baixo pola costa empinada que tantas veces percorrín por medo a que algún gardián canino tivese a sospeita de que eu fose unha ladroa. O obxectivo principal é chegar a unha casa moi familiar para min.

Alí recíbeme Luis, con gran amabilidade, como de costume. Entramos na estancia que nos dará acceso á súa gorida. Un despacho no que Luis Iglesias Diz exerceu parte da súa profesión como médico pediátrico. Do teito desprégase maxicamente unha escaleira pola que subiremos ao seu taller.

Visitei moitas veces estes dous espazos, pero nesta ocasión amosáronse como a materialización da traxectoria profesional do meu entrevistado: unha persoa totalmente afanada e apaixonada polo seu traballo como doutor que escapa polo zapón da súa mente para ascender e dar renda solta á súa creatividade máis salvaxe.

Esta evasión medra dende neno, cando aínda era un cativo que vivía nunha aldea da provincia de  Pontevedra. A partir da observación de imaxes televisivas, fotografías de obras de arte ou ilustracións comezou a experimentar co lapis e unha caixa de acuarelas. Testemuña desta etapa son os cadernos (moi ben conservados) dun cativo hábil, sensible que interpretaba o mundo que lle rodeaba a través do debuxo.

Tras un tempo de descanso artístico, os anos setenta móstranse fértiles e retoma os coñecementos adquiridos nas cuartillas da nenez. Vén estudar medicina a Santiago e adquire relación con algúns artistas da cidade. Descobre o óleo e inicia unha traxectoria de experimentación na que traballa elementos básicos da técnica pictórica. A paisaxe, como disciplina académica clásica foi o punto de saída para despegar rapidamente con resultados plásticos máis expresionistas e informalistas. Estas pinturas serán expostas na súa primeira mostra no pub Modus Vivendi de Santiago en marzo de 1980, dando orixe a outras moitas exposicións individuais ou colectivas.

De xeito progresivo as experiencias artísticas comezan a xerar momentos inesquecibles. É seleccionado en varias convocatorias expositivas como na I Mostra Unión Fenosa. Gaña o primeiro premio, Paido-Artis, da  Asociación Española de Pediatría. Destacar tamén a creación do colectivo Anakos no 1987.

En termos xerais, o seu traballo como artista durante máis de 40 anos é o produto dun coñecemento moi respectuoso do academicismo artístico, da interiorización e observación doutros artistas e cun grande interese por diversos temas científicos e humanísticos. Obras pictóricas que pasan por un minucioso sistema de transformación que poden transgredir os límites das dúas dimensións equilibrando resultados figurativos e abstractos dun xeito moi harmonioso.

Por outra banda, paréceme moi interesante o lugar que lle outorga a materiais ordinarios ou comúns como o cartón, explotando tódalas súas posibilidades plásticas e estéticas para facer deles obras de arte. Un exemplo disto son as pezas da serie ‘Mata o escaravello’.

‘Homúnculo’ é o título da exposición que xira en torno ao concepto desenvolto polo neurocirurxián canadense Wilder Penfield a mediados do século XX. Penfield describiu un Homúnculo, ou home pequeno, con partes do corpo desproporcionadas en relación ás partes do cerebro encargadas da función motora e sensorial. Luis fai unha interpretación deste concepto dando como resultado unha serie de cadros moi coloristas que apelan ós sentidos a través das imaxes, texturas e trazos. Composicións que nos levan a escenarios descoñecidos como se nos mergullásemos no corpo humano para ver o funcionamento das nosas neuronas así como paisaxes que mudan en xeometrías ou se camuflan nun cálido dripping. Estas pezas estarán expostas nos estudios Potemkin, espazo multidisciplinar orientado á música que se atopa no polígono do Tambre.

O entusiasmo polo coñecemento non desvanece. Pode que neste momento xa burbulle algo novo na quimera do baixo cuberta de Luis.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.