Serendipia, un recuncho familiar en Compostela

Segundo a RAE, serendipia é un “achado valioso que se produce de maneira accidental ou casual”. Serendipia non foi accidental para min. Tiña referencias previas de sentarme a merendar con García Márquez, mentres se queixaba de que ninguén lle escribía, pero si achei novas propostas valiosas a tarde na que fomos merendar neste local novo en Compostela (abriu as súas portas en abril de 2017) e que se está facendo un oco na cidade.

Para empezar, tratábase dun mércores chuvioso entre o vórtice do traballo diario.

- Tes algunha bebida que me faga espertar? -pregunteille a Juan, un dos camareiros do equipo de Serendipia.
- Teño por aí un té paquistaní… -ofreceume cun aire de confidencia.

E si, efectivamente, o té negro paquistaní con canela, cravo e cardamomo é unha excelente beberaxe para recuperar a enerxía. Podemos atopar unha ampla variedade de todo tipo de tés especiais na trastenda de Serendipia para espertarnos e activar os nosos sentidos, ademáis de infusións –hai ata veinte variedades diferentes- e cafés, destacando o Irlandés.

Acompañamos o té con torta de Ferrero Rocher, algo diferente en Compostela aínda que suxeito aos rigores da mercadotecnia da marca; como sabemos, non hai bombóns Ferrero Rocher no verán polo que, se queredes gozar dela, é agora ou nunca.

Por se non tivésemos suficiente chocolate sobre a mesa, tamén nos trouxeron chocolate suízo con nata e un espectacular (en tamaño e sabor) capuccino dobre con crema de leite e cacao, que tamén se pode condimentar con canela.

Serendipia é un lugar moi recomendable se somos amantes do chocolate xa que tamén atoparemos torta Sacher e, as imprescindibles en calquera paraíso da lambetada que se prece, Red Velvet e Carrot Cake.

En canto ao ambiente, Serendipia é un recuncho ideal para as familias. De feito, ao redor das seis da tarde, comezaron a rodearnos papás que viñan obsequiar aos seus nenos cunha boa merenda. Non en balde é unha cafetería preto de colexios e situada en pleno centro histórico compostelán, polo que é perfecto para achegarse andando despois da xornada escolar. Ademáis, é moi espacioso. Os pais atoparán acomodo para os carritos dos bebés e demais avituallamento que sempre levan os rapaces 😉

E se o que vos gusta é gozar dun lugar máis íntimo, Serendipia resérvavos unha sorpresa máis: a planta superior espéravos con moito espazo e unha televisión grande, de maneira que nenos e maiores poden convivir facendo diferentes actividades. A planta superior mesmo resérvase para celebracións privadas.

En definitiva, Serendipia é un lugar agradable para todos, onde podemos almorzar, tomar unha merenda ou un café especial pola noite. Os seus clientes destacan a calidade dos productos así como o trato do equipo, que nos acollerá como alguén da familia.

SERENDIPIA CAFÉ

Caldeirería, 42 (Santiago de Compostela)
Tel. 981 58 59 99