A Semana Internacional de Cine Euroárabe AMAL celebrarase do 23 ao 29 de outubro

 

Presentación do Festival Amal.

Presentación do Festival Amal.

Santiago acollerá entre o 23 e o 29 de outubro a décimo quinta edición da Semana Internacional de Cine Euroárabe AMAL, un festival que “permite un encontro entre as culturas árabe e europea, tendendo pontes a través da linguaxe universal do cine”. Así o explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, nunha rolda de prensa na que tamén participou o presidente da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas e director da Semana AMAL, Ghaleb Jaber Martínez, e a concelleira de Acción Cultural do concello de Santiago, Branca Novoneyra.                                                            

Once proxeccións

AMAL ofrecerá 11 proxeccións no Teatro Principal de Santiago, entre as que se inclúen tanto cintas de ficción como documentais. No marco deste último xénero, na sesión inaugural do ciclo estrearase Nacido en Siria, na que o documentalista arxentino Hernán Zin reflexiona, a través da mirada de sete nenos, sobre a situación dos refuxiados que, fuxindo da guerra, buscan un novo futuro en Europa. O filme irá precedido dunha charla coloquio con Ghaleb Jaber Ibrahim.

Así mesmo, o festival ofrecerá a premier en España do filme palestino Wajib, de Annemarie Jacir. O título da cinta fai referencia ao termo que indica unha obriga relixiosa feita pola deidade e aborda a historia dun pai e o seu case descoñecido fillo que teñen que entregar xuntos os convites da voda da súa filla e irmá, segundo o costume palestino.

Proxectaranse tamén Fuego en el mar, Alí, la cabra e Ibrahim, Gaza Surf Club, La Haine, Clash, Letters from Baghdad, Los caballos de Dios, Headband Lullaby e Cairo Jazzman.

A programación completa pódese consultar aquí.