fbpx
CompostelaNovas

Seis locais do Franco únense para recuperar ao público santiagués

Fran&CO é o nome que elixiu a agrupación de locais que quere dar un impulso á zona de viños do Franco nos próximos meses. En concreto O Boteco, Casa Elisa, Mesón 42, Porta Faxeira, A Barrola e ACDC impulsarán unha ruta entre os seus establecementos a través dunha promoción de “rasca e gana”. De xoves a domingo, do 22 de novembro ao 13 de xaneiro, os clientes que decidan participar poderán gañar miles de consumicións gratuítas e importantes premios como unha viaxe a Cabo Verde para dúas persoas, unha cámara Go Pro, unha estancia romántica no hotel Virxe da  Cerca en Santiago, ceas para dúas e para catro persoas entre as que se inclúe unha mariscada ou varios packs de viños.

Os impulsores da iniciativa, que busca reactivar a visita dos composteláns a esta mítica rúa do centro histórico, afirman que ademais da afluencia de turistas, “o Franco debe recuperar á súa clientela de toda a vida, de Santiago e arredores, e a súa esencia como epicentro de zona de viños na cidade”. Así, por cada 5 euros de consumición entregarase un cartón que os clientes terán que rascar para saber se tiveron sorte e levan algún premio ou se teñen que seguir xogando. Unha dinámica fácil e directa, que é tamén unha forma de agradecer a confianza dos usuarios habituais da zona.

Os locais que conforman Fran&CO sinalan que se esta primeira promoción – patrocinada por Estrella Galicia e o turoperador galego YuTravel – funciona ben, “queremos seguir sorprendendo ao noso público con máis ideas, que tentaremos que sexan orixinais e atractivas”.