fbpx
#apaparCompostela

Sargo á muradá no restaurante Orixe

Por @JuanEAT_o

Moi boas, xentiña! Neste novo número da Revista Pincha achegueime ata o restaurante Orixe, un local situado na fermosa Zona Vella de Compostela, cunha decoración que amosa unha boa parte da nosa cultura galega. Alí tiven a sorte de probar un prato que, como dixo o xerente do local, Martín Pais, recorda moito a esas tardes-noites de verán nas que se xuntaban amigos e familiares a facer unha boa grellada de peixe. Unha receita que aprendeu da súa nai.

Magnífico! Así quero empezar a describir este prato: sargo á muradá (Dependendo do mercado pode ser rodaballo, linguado ou outro tipo de peixe). É dicir, feito ao estilo de Muros -de onde é orixinario Martín- cunha salsa caseira moi suave que, a verdade, é moi sinxela de facer pero que aporta un sabor perfecto combinada con este peixe. Leva aceite de oliva virxe extra, allos, perexil e un pouco de viño branco.

Como acompañamento, utilizan ou ben verduriñas de tempada ou ben un leito de patacas panadeiras ao forno -que son as que probei eu- con pemento vermello, pemento verde e cebola. E como estamos en época, tamén incluía uns pementos de Herbón, resultando desta maneira un conxunto moi acertado para este prato.

Coméntovos tamén que as patacas estaban exquisitas e moi tenras. Molladas na salsa e mesturadas co peixe, resultaba un bocado moi saboroso.

E que dicir do peixe! O sargo é un peixe noso, moi de casa. Unha boa parte da súa alimentación son os moluscos e mariscos, entre eles o mexillón, ourizos e incluso percebes, o que lle dá un sabor e unha textura moi ricos. Eu puiden gozar del cun corte transversal empratado aberto e ben limpo sobre o leito de patacas e listo para comer.

Co peixe sempre temos que ter coidado coas espiñas. Este sargo non é unha excepción,  aínda que como dixen viña moi ben limpo e presentado.

En definitiva, este é un prato que non defrauda nin aos máis carnívoros coma min.

E un último apunte: como maridaxe, escollede un bo godello ou albariño da nosa terra.

DATOS

Lugar: Restaurante Orixe. Rúa das Casas Reais, 21 - Santiago de Compostela

Prato: Peixe do día á muradá

Prezo: Segundo mercado. Ronda os 16 euros por persoa.

Valoración: 8 estrelas

Fotos: Iván Barreiro