fbpx
CompostelaDe bares

Santiago(é)Tapas 2017: Adeus petiscos dos meus amores!

Marcho que teño que marchar! Podedes rir, pero é verdade. Se non probastes os petiscos do Santiago(é)Tapas 2017, foi porque non apurastes, porque mirade que eu intentei lembrárvolo e mesmo fixen o posible por demostrar que era boa cousa iso de probar, de tapear, das tapas, vaia! E na axenda da revista Pincha estaba!… Pois agora marcho, voume. Deixádeme ir que levo o bandullo ‘rebosante’ e tiro, relambendo nos morros e nos dedos para un mes o/y dos!

Non poderedes negar que Santiago ten un dos mellores sectores hostaleiros de toda Galicia, non só por iniciativas e xa sabemos que produto é o mellor, do mundo mundial! Pero é que ademais cada bar, cada local, cada restaurante pon tal esmero, tanto agarimo e tanto coidado, que parece que no canto de elaborar petiscos, fan maxia!

As primeiras tapas que probei foron as de O Ferro. Unha de xurelo e outra dun pastel especiado, con tenreira, pementos, riles e moitas cousas máis que non vou enumerar aquí. Non ben lle estaba dicindo á camareira: -Dille ao xefe que moito lle barrena a cabeza! Cando se personificou diante miña. –Oes, José Antonio. Moito che barrena a cabeza! –E logo?! –Porque esta tapa éche mucho! –Gústache? –Home!! Xa comín as dúas!! (Risas de medio bar).

Non puiden parar e tiven que seguir de bares. E ía acompañada, porque isto chámase de bares con Jessi e Jessi son eu. Non vos digo a compañía, que todo se sabe… Jajajaja

A miña seguinte parada foi La Bodeguilla de Santa Marta, porque vos recordo que bodeguillas sonche tres! E cada unha cunha tapa distinta!! Nin Dios! Non vai ser todo para hoxe, pensei. Esta levaba zamburiñas. Alí vin a José Míguez e díxenlle: -Estou de bares, probando tapas. Riu. Pensaría, esta calquera día estoupa.

Como ben sabedes ao longo da cidade había 101 tapas, en 6 etapas. Non vou mentir, non cheguei preto das cen, pero prefiro dicirvos a miña idade e os meus quilos e non cantas comín… Porque xa vos dixen que logo todo se sabe! (Jajajajajajaja Chisco, chisco! 😉

Unha con helio, dese que che fai falar como unha caricatura, no ACDC. Un trampantollo recheo de xamón e queixo, creo! Jajajaja Porque ser era trampa, xa o di o nome! Esa foi no Bar Coruña, digo o pecado e entrego ao pecador! As do Antollos, unha con solombo de porco e pementos de Padrón e a “Fishpaguetti” con gulas e queixo.

Houboas de tempada, como a da Casa da Viña con cogomelos, ovo a baixa temperatura e tella de queixo de San Simón… Sinto dicir que tíveno que preguntar, porque sonche moi rápida comendo e cando oín tella eu xa a acabara!! Iso si, fixen caso ao de probar a tapa antes de rompelo ovo e despois remexelo todo e probala mestura!

De patacas, castañas, cecina e grelos, con sabor a Galicia, a caldo e algo máis, no Pazo de Altamira! E o nome? “Popeñoquis”! Porque son as espinacas a Popeye, o que os grelos ao galego! A nosa enerxía de outono – inverno!! Sen dúbida.

Xa volas dixen todas? Non. No Café Casino habíache dúas tamén, unha de rabo de touro e outra de xurelo, cuns nomes poéticos, unha presentación máis de poeta aínda e ‘embelesadoras’ coma eles, por certo.

A estas alturas diredes, pero esta muller terá unha favorita?? Iso non o vou a confesar, pero haiche moito nivel no Santiago(é)Tapas. Cada ano máis!! Porque haiche moito nivel de cociñeiros e cociñeiras, obviamente. Xa volo digo, a restauración picheleira non é de 10, é de 101, polo menos! Agora toca agardar ata o ano para volver a tapear… Si oh, xa sei que primeiro terei que saber que tapa gaña… E que seguimos tendo que comer na cidade, encomiado sexa Deus! (Que non comido… Jajajajaja). Pero quédame pena… Xa sinto morriña! E moi de galegos isto… Así que me despido… Adeus ríos, adeus fontes, adeus petiscos dos meus amores!! A pola décimo primeira edición do Santiago(é)Tapas e eu que as coma!