Santiago xa vive o Nadal con luces, música e obradoiros

Árbore de luces na praza do Obradoiro. Foto: Concello de Santiago

O calendario de Nadal programado polo Concello de Santiago inclúe numerosas propostas para todos os públicos, con especial atención ás actividades para os/as máis pequenos/as. As festas arricaron ‘oficialmente’ onte co acendido do alumeado de Nadal.

En total ilumináronse 170 ubicacións, entre rúas, prazas, fachadas e outros elementos, instalando máis de 600 elementos, entre arcos, farois, árbores… Destacan os tres teitos luminosos, nos que se utilizaron sete quilómetros de cordón luminoso ou grilandas. Están na rúa do Franco, en Bautizados e dende a praza de Galicia ata a praza de Cervantes, pasando polas Orfas, Caldeirería e Preguntoiro.

Entre os elementos singulares salientan a árbore cónica de 20 metros de altura da praza do Obradoiro -que ademais é transitable-, o Belén de luces led da praza e o agasallo de luces instalado na praza Roxa (36 metros cadrados).

Tamén se inaugurou este xoves o Mercado de Nadal de Carreira do Conde, que permanecerá aberto ata o 5 de xaneiro en horario de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:30 horas. Unicamente pechará os días 24 e 25 de decembro e 1 de xaneiro; e só abrirá pola mañá o día 31. Son 56 expositores, que se repartirán en cinco quendas, de artesanía, decoración, agasallos, alimentación gourmet… Ademais conta con food trucks de comida galega e internacional e actividades diarias para os máis pequenos.

No calendario de lecer, destacan as actuacións previstas no Teatro Principal, como a de maxia do día 23, cos magos Fani Triana e Martín Camiña; a de teatro de máscaras, coa obra Lázaro de Tormes o 26; outra sesión de teatro coa obra Aguratrat o 29, e sobre todo o musical O mago de Oz, que se representará no Principal do día 30. Todos estes espectáculos son de balde, pero as familias teñen que retirar o convite no Teatro Principal.

Seguindo coa musica, salienta o Mesías participativo que a Real Filharmonía de Galicia tocará a vindeira semana, os días 12 e 13 de xaneiro, no Auditorio de Galicia. Neste concerto, coralistas afeccionados estarán acompañados de solistas de prestixio, nun traballo que levan preparando durante semanas e do que o resultado creo que será do agrado do público.

Deporte e festa para rematar o ano
No eido deportivo non faltará outra nova edición da San Silvestre, unha carreira que cada ano vai a máis e que é un modo diferente de despedir o ano. Arrincará ás 18:00 horas e a inscrición está aberta a través da web www.sansilvestresantiago.com.

Neste último día do ano, actuarán na praza do Obradoiro o Colectivo Panamera e do DJ David Van Bylen DJ. Por outro lado, a Festa do Apego celebrarase durante toda a xornada do 28 de decembro no Auditorio de Galicia.

Tamén gozaremos cos concertos de «Cantar Elas», de Leilía, do 27 e do 28 de decembro, nos que repasarán toda a súa discografía. Serán de balde, tamén previa retirada de convites no Teatro Principal, que é onde se celebrará.

Toda esta programación compleméntase co amplísimo calendario de actividades dos centros socioculturais. Haberá obradoiros de preparación de adornos, de cociña destas datas, de confección de agasallos, de decoración, etc. Tampouco faltarán as panxoliñas, historias de Nadal, xogos, bailes e unha importante atención a cuestións relacionadas co consumo.

Tamén este ano realizarase o Agasallo viaxeiro en 27 centros, concluíndo cunha Gran Festa do Agasallo Viaxeiro na tarde do martes 7 de xaneiro no Centro Sociocultural do Romaño, con merenda, intercambio de agasallos e a animación de Pista Catro.

Pasearte
Outra das actividades que arrincou este xoves é a terceira edición de Pasearte, Mostra de Arte Contemporánea nos escaparates do Ensanche de Santiago. Pasearte é unha mostra que busca achegar á cidadanía o traballo de artistas e galeristas, ao tempo que atrae ao público ao Ensanche compostelán nunhas datas claves para o comercio local.

O comisario da mostra é Javier Blanco Lado, que foi o encargado de integrar as obras de arte nos escaparates, en colaboración con establecementos e galerías. Nesta edición son 60 as obras que se amosan, creadas por outros tantos artistas de primeiro nivel e emerxentes. Entre eles atópanse nomes moi coñecidos como Vari Caramés, Din Matamoro, Alejandra Atarés, Antonio Murado, Menchu Lamas, Pierre Loiuis Geldenhuys ou Pamen Pereira.

En paralelo á exposición está prevista unha programación transversal con obradoiros familiares que se celebrarán no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche e no Centro Galego de Arte Contemporánea. Tamén se realizarán visitas guiadas á exposición, ás galerías participantes e ao propio CGAC.