fbpx
CompostelaCulturaNovasReportaxesSilvia Castiñeiras

Santiago, de película

Por Silvia Castiñeiras

A actriz compostelá Sabela Arán cos seus cans Goonie, pola película Los Goonies, e Ziggy, polo alter ego de David Bowie. Foto: Iván Barreiro

Nacer en Compostela xa ben podería ser un título dunha película, porque algo ten este nome que xa te engancha e hai algo especial no sentir dos que nacemos aquí, incluso nas persoas que se establecen aquí chegados doutra parte ou simplemente están de visita. Algo se che activa na pel nesta cidade que aínda non sei ben o que é. Pasear por calquera recuncho dela é case como vivir dentro dun decorado, percibindo ás veces que pasas por lugares que non parecen nin de verdade. Que mellor escenario que Santiago para deixar voar a imaxinación e, ademais da súa historia, inventar as propias.

Esta Compostela histórica, moderna, verde, coas súas formas únicas e centro de cultura, a Compostela dos Cine Capitol, da Sala Yago, e das novas propostas… Converteuse nos últimos anos nun gran estudio de gravación de producións audiovisuais e berce de importantes xeracións de intérpretes, directores e directoras, persoal técnico etc. 

Imaxino unha rapaza correndo polas súas rúas misteriosas buscando un tesouro, un momento máxico ou o punto exacto onde poder interpretar a mellor das trasnadas. Ou a unha adolescente mergullándose en vivencias chegadas de moi diversas partes do mundo e alimentando as súas ocorrencias grazas a festivais cinematográficos tan consolidados e coidados como son Cineuropa, Curtocircuíto ou Amal. En Santiago non se estende a alfombra vermella, nin se exhiben ante os fotógrafos vestimentas de gala, pero cada outono na capital galega sucede algo marabilloso que non precisa de grandes focos senón de pequenas e atentas miradas. 

Poñamos por caso que esa nena é Sabela Arán, unha auténtica picheleira que xa dende pequena quería ser “cantabailaactriz”, así que non é difícil visualizala como a protagonista da historia de como se nace e se fai unha profesional da interpretación.

Rodaxe na Praza do Obradoiro. Foto: da Santiago de Compostela Film Comission

De Santiago á pantalla

Cóntame Sabela nun dos seus sitios favoritos de Santiago, o Carrilana, que a culpa de que soubera dende ben pequena a que se quería dedicar “é de Whitney Houston e a peli El Guardaespaldas, que sempre me marcou moitísimo. E tamén  por culpa dos Goonies (filme de Steven Spierlberg de 1985) porque as aventuras desa panda de cativos parecíanme tan divertidas que eu quería vivir todo iso. Dicíalle a meus pais: que teño que facer para ir buscar un barco pirata? E contestaban: tes que ser actriz”. 

E vaia se lles tomou a palabra. “Eu estaba aquí en Santiago e non tiña nin idea de cales eran os pasos a seguir para ser actriz. Fun estudar un máster a Madrid de interpretación cinematográfica e televisión nunha escola para a que conseguín unha bolsa. Completei estudos alí con cursos de dobraxe e interpretación con diferentes profesores e seguín moito os consellos do meu profesor Antonio Mourelos, que agora é un súper amigo”.

Iso si, aclara como compostelá de pro, que antes deses seis anos en Madrid xa estudara na súa terra unha carreira relacionada con ese mundo, Comunicación Audiovisual. Estando aínda en terras madrileñas presentóuselle a oportunidade de facer unha proba como protagonista para Vilamor (2011, Ignacio Vilar-Vía Láctea Films). “Era a primeira proba potente que facía, non tiña ningún tipo de esperanza e despois de 4 horas déronme o papel, empezando aí o camiño que levo dende os 23 anos”.

Un camiño de volta á súa terra

Ese camiño acabou por traela de volta á súa cidade porque, di, “como en Santiago en ningún lado”. E é que, apunta Sabela, “é curioso o que nos pasa un pouco a todos, que marchamos fóra para especializarnos e pensando que o futuro está por aí e estamos todos de volta. Queremos quedar aquí sempre, ou polo menos no meu entorno retorna todo o mundo. A calidade de vida, neste caso en Santiago, para min é moito mellor que en calquera outro sitio”.

“Co paso do tempo -continúa- daste de conta de que o importante non son os premios ou recoñecementos, senón estar tranquila e vivir ben, refírome ao necesario non aos grandes luxos, e poder dedicarte profesionalmente ao que che fai feliz. Cando consegues iso creo que é a felicidade plena, e aínda que non podo dicir que a teña totalmente, considérome unha privilexiada porque sempre mantiven certo ritmo”. 

Este verán estreou en Netflix a miniserie La noche más larga, traballo do que se sente moi orgullosa. Ademais, en setembro tamén saíu en pantalla a serie Santo, unha coprodución con Brasil con Raúl Arévalo e un “elenco bastante potente”. E é que as plataformas abriron un mundo laboral moi amplo, tal e como recoñece Sabela, que tamén recorda que “na TVG facíanse moitas series, sobre todo antes, e aí os que estabamos na casa tiñamos máis oportunidades, agora non é tan así e hai que traballar onde chamen”.

Outra rodaxe en Santiago. Foto: Rodaxe na Praza do Obradoiro. Foto: da Santiago de Compostela Film Comission

Os outonos cinematográficos en Compostela

Coincidindo coa saída á rúa deste número de Pincha tamén se celebra (dende o 1 ao 9 de outubro) unha nova edición de ‘Curtocircuíto’, certame organizado polo Concello de Santiago coa colaboración doutras entidades, que este ano conta coa exhibición de 57 títulos, sendo gran parte deles estreas a nivel estatal e galego.

Non é a única cita cinematográfica para o outono. A finais de outubro tamén ten lugar a ‘Semana do Cine Euroárabe AMAL’, que xa estendeu a proposta a outras cidades e organizou un ciclo de cinema documental como preámbulo. Ademais, dende 1988 celébrase na capital galega 'Cineuropa', toda unha programación que ocupa o mes de novembro co mellor cine da tempada, dende os premios de Cannes, Berlín, Venecia ou San Sebastián, ata o cine máis alternativo. Poucos certames teñen tal duración e afondan tanto en novos realizadores ou no xénero documental. 

Toda unha delicia para os espectadores, mesmo para os máis implicados neste ámbito como Sabela Arán. “De toda a vida fun asidua a estes festivais”, confirma rotunda. “De Amal xa nos falaban os profesores na época da facultade. Xunto con Curtocircuíto e Cineuropa tes a oportunidade de que se acheguen aquí películas que doutras formas non poderías ver, aportando a Santiago unha gran variedade de autores e autoras, xéneros...  Para iso tamén axuda, por exemplo, a sala Numax”.

Entre risas comenta esta actriz tan picheleira que “de Cineuropa son un pouco frikie das de verdade, de coller a libreta, coa miña nai coa que vou, e facer un calendario, ver as pelis, elaborar un ranking das que nos interesan, pillar bonos... e fixen en varias ocasións a opción do maratón. Paréceme unha forma diferente e entretida de ver o cine”. 

Rodando. Santiago de Compostela Film Comission

The Way (de Emilio Estévez), La piel que habito (de Almodóvar), La sombra de la ley (de Dani de la Torre) ou Melancolía (de Alfonso Zarauza) son só  algunhas das películas con máis sona que elixiron Santiago para rodar as súas escenas máis recentemente. A elas hai que sumarlle outra filmografía anterior como as diferentes versións de La Casa de la Troya (1924, 1936, 1959), Orgullo y Pasión (USA 1956) ou Trece Campanadas (2002).

“Eu creo que Santiago como escenario de rodaxes ten un potencial enorme con escenarios naturais fabulosos para contar todo tipo de historias. Ademais, a luz en Santiago é fantástica e é unha cidade que ten un encanto moi particular. En cada pedra hai historia e aproveitar iso supoño que é moi suculento para moitas producións”, reflexiona Sabela Arán. 

O certo é que, segundo os datos da Santiago de Compostela Film Comission, o ano pasado rodáronse 35 producións audiovisuais en Santiago a nivel nacional e internacional. O responsable desta entidade, Dimas González, afirma que “sempre falamos das longametraxes, que teñen como máis glamour, e pode haber cada ano de 3 a 5 rodaxes deste tipo, pero hai moitísimas producións audiovisuais, de moitos tipos, que elixen Santiago como escenario. Series, documentais, programas de televisión con temáticas moi variadas…”.

A Film Comission traballa co obxectivo de dar a coñecer a cidade fóra de Galicia e España promocionando as rodaxes. “A nosa clave é mostrarnos como un lugar onde se facilitan as cousas, ofrecemos toda unha guía de produción con información para rodaxes e localizacións, intentamos solucionar todo tipo de trámites tendo en conta a complexidade que supón rodar nunha cidade que é Patrimonio da Humanidade. Procuramos axilizar permisos e dar unha resposta fácil e áxil. As produtoras saben que aquí se lles atende ben”, explica Dimas dende a Oficina de Turismo de Santiago.

E parece que a cousa funciona se temos en conta que “veñen gravarse programas de Xapón que se emiten en prime time e teñen un impacto emocional moi grande”.

Os rexistros da Film Comission revelan que “as localizacións máis solicitadas son os sitios emblemáticos como o Obradoiro, a Quintana, e en xeral toda a zona monumental”. Aínda así, “cada vez máis interesan outros enclaves, incluso espazos interiores privados que implican unha tramitación de permisos nos que tamén axudamos dende a entidade. Ata se está rodando bastante nos arredores da cidade e tamén na zona do Ensanche compostelán. Como curiosidade podemos dicir que hai películas nas que as escenas rodadas en Santiago fixeron de París, Madrid ou outras cidades”.

Curiosamente, con respecto ás rodaxes na súa cidade, Sabela Arán fai memoria e conclúe que “non gravei demasiado en Santiago. Rodei na Alameda a película do Códice (Ficción Producciones) con Tamar Novas... e lémbrome da miña primeira experiencia cinematográfica como figurante en 18 comidas (Jorge Coira) nun bar na praza de Mazarelos. Eu estaba ilusionadísima porque era a primeira vez que me metía nun set de verdade. Total... que non se me ve en toda a película! Pero foi unha experiencia chula  que me serviu para confirmar que si, que eu quería estar aquí pero xa con texto  e con plano”. Risas de Sabela, que tamén se atreve cunha proposta de escenario. “Isto sería unha fantasía, algo utópico, pero encantaríame facer unha peli de terror ou así estilo Tarantino de sangue, tiros e despropósitos, na Catedral. Tamén imaxinarme a Sofía Coppola ou Sorrentino aproveitando a Cidade da Cultura para algunha das súas producións sería interesante”.

O dito, esta si que é unha verdadeira cidade de película en todas as vertentes.

 

SABÍAS QUE...? 

Hai pouco máis dun ano o Concello de Santiago presentou ‘Compostela Filmada’, unha iniciativa que ten como obxectivo dar a coñecer a intensa vinculación da cidade co mundo do cinema. O proxecto, coordinado por Óscar Senra, artéllase arredor da web compostelafilmada.gal. Nela podes atopar moita documentación sobre a historia das salas de proxección compostelás; carteis, trailers e vídeos onde Santiago aparece como escenario da rodaxe; ou unha selección de biografías de persoas relacionadas tanto co mundo do cinema como coa nosa cidade. Recompilamos aquí algunhas das súas curiosidades. 

... en 1900 exhíbese por primeira vez o cinematógrafo en Compostela? Catro anos despois que na Coruña, o 7 de xaneiro de 1900, exhíbese por primeira vez o cinematógrafo Lumiere en Santiago. Foi no Pazo de Amarante, na Algalia de Abaixo, nunha sesión científica para os membros do Ateneo León XIII organizada polo boticario e profesor Demetrio Casares Teixeiro. 

... a primeira filmación en Santiago foi no ano 1910? A primeira filmación na nosa cidade, que non se conserva, é de 1910, e a segunda, presente na web, de 1920.  Así, as primeiras imaxes en movemento conservadas sobre Compostela son do documental mudo de 15 minutos Santiago, la Atenas de Occidente (de José Gil). No ámbito da ficción, debemos esperar até 1924 para encontrarmos La Casa de la Troya (de Manuel Noriega e Pérez Lugín). 

... a cidade foi escenario de case un centenar de rodaxes de películas? Máis de 90 filmes e outros tantos documentais, curtametraxes e series teñen escollido Compostela como un dos seus escenarios de rodaxe. Por aquí pasaron directores e directoras recoñecidos internacionalmente, como Luís Buñuel, Stanley Kramer ou Pedro Almodóvar; e actores e actrices míticos como Cary Grant ou Ornella Muti. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.