fbpx

Santiago celebra o Día das Letras Galegas con poesía, un roteiro e un concerto de A banda da Loba

Mercedes Rosón e Xiana Lastra.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou “Xabón Lagarta”, o novo espectáculo que A banda da Loba presentará o próximo luns 16 de maio no Teatro Principal. Este concerto forma parte da programación prevista para o Día das Letras Galegas, que se completará co roteiro “Compostela Exiliada”, centrado na figura de Florencio Delgado Gurriarán e doutras personalidades exiliadas; e co recital de poesía “A noite do poeta”.

O Teatro Principal acollerá o vindeiro luns 16 de maio ás 20:30 h, a presentación do novo disco de A banda da Loba, “Xabón Lagarta”, inspirado no universo vital das lavandeiras e neses espazos de liberdade, confidencias e insubmisión que eran os lavadoiros.

Durante a rolda de prensa de presentación, a concelleira Mercedes Rosón recordou que “os lavadoiros tiveron un papel central na vida das mulleres galegas, e especialmente en Compostela, na que por ser unha cidade con dous ríos, abundaban estes espazos” e aproveitou para eloxiar a traxectoria de A Banda da Loba, como “unha das bandas máis consolidadas do panorama musical galego actual, un recoñecemento confirmado polo gran número de premios recibidos nos últimos anos”.

Con “Xabón Lagarta”, a banda galega pretende facer un convite a un espazo de conversa, na que todas as mulleres poidan falar das súas preocupacións máis fondas, inquedanzas e desexos, a través dun percorrido por temas como o feminismo ou o ecoloxismo. O concerto, que pretende divertir e emocionar a maiores de 10 anos, tamén contará con algunha colaboración sorpresa.

O evento é de acceso gratuito e as entradas, como todos os espectáculos, están dispoñibles na Zona C, de martes a sábado de 11:00 h a 14:00 h ou de 16:00 a 19:00 h. Tamén se poden adquirir o propio día do concerto desde unha hora antes, na billeteira do Teatro Principal.

A banda da Loba
A banda da Loba é unha das formacións máis consolidadas do panorama musical galego actual. Coa poesía e a lingua por bandeira, ofrecen composicións propias con letras tamén súas ou inspiradas nos poemarios de escritores/as clásicos/as e contemporáneos, nas que tratan temas importantes para elas coma a diversidade, a identidade, a memoria ou o feminismo.

A banda está formada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Inés Mirás (guitarra), Marcela Porto (percusión) e Xiana Lastra (voz), artífices dunha música comprometida cun selo persoal e característico que fai do seu repertorio un caleidoscopio musical compatible con todo tipo de público.

Letras Galegas

Este concerto de A banda da Loba é unha das actividades programadas pola concellaría de Acción Cultural no marco do Día das Letras Galegas, adicado este ano a Florencio Delgado Gurriarán. Ese día, o 17 de maio, ás 21:00 h na praza de Praterías, está prevista unha lectura de poemas do autor, escollidos do seu libro “Galicia infinda”. Os poemas serán recitados por cinco alumnos do Instituto Xelmírez, pertencentes ao grupo de teatro Vai no Dentista, desde os balcóns da Casa do Cabido.

Ademais, entre o 16 e o 18 de maio, tamén se desenvolverá o roteiro “Compostela exiliada”, que aporta unha visión panorámica sobre o éxodo cultural e político en Compostela entre os anos 1936 e 1946, e que tamén homenaxea a figura de Florencio Delgado Gurriarán, que tivo que exiliarse en México ao rematar a Guerra Civil, así como a outras 16 personalidades vinculadas a Santiago que tamén sofreron o exilio. Todas as sesións comezarán ás sete da tarde desde os soportais do Pazo de Raxoi e terán unha duración aproximada dunha hora e media. Para inscribirse cómpre enviar nome, teléfono de contacto e número de prazas ao correo paseos.compostela@maos.gal; ou apuntarse chamando ao 694 474 166 (de 8:00 h a 13:00 h).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.