fbpx
GaliciaGastronomíaNovas

Santiago acolleu a presentación da Primavera de portas abertas nas Rutas dos Viños de Galicia

Presentación da Primavera de portas abertas nas Rutas dos Viños de Galicia.

Turismo de Galicia, en colaboración coas Asociacións das Rutas dos Viños de Galicia, organiza a Primavera de portas abertas nas Rutas dos Viños de Galicia, coa que, de maneira conxunta e simultánea nos cinco territorios vitivinícolas galegos, se leva a cabo un programa completo de actividades de enoturismo.

Durante cinco fins de semana entre os meses de maio e xuño poderás facer visitas guiadas e gratuítas ás adegas participantes nesta promoción.

O conselleiro do Medio Rural, José González, puxo en valor o viño galego como principal elemento dinamizador dos territorios que compoñen as cinco denominacións de orixe vitivinícolas da nosa comunidade. Neste sentido, cualificou as rutas do viño como un “XPS singular” para coñecer estas cinco denominacións -Valdeorras, Ribeiro, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Monterrei-  e canda elas, recoñecer os viños de calidade. Foi na presentación da Primavera de portas abertas nas Rutas dos Viños de Galicia organizada pola Axencia Turismo de Galicia.

Así, como demostración dese apoio, o conselleiro citou iniciativas como a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, impulsada pola Xunta da man do sector. Esta folla de ruta persegue potenciar os ámbitos produtivo, industrial e distribuidor do sector e outros eidos vinculados a el, como son o turismo, o patrimonio ou a paisaxe.

Deste xeito, o gran obxectivo da Estratexia é mellorar o posicionamento dos viños galegos, aumentar a súa competitividade en mercados nacionais e internacionais e transformar, de aquí a 2026, a capacidade de xeración de valor dos territorios nos que se produce. No seu desenvolvemento xogará un papel fundamental a futura Lei de calidade alimentaria, así como a Lei de recuperación da terra agraria, para garantir a rendibilidade do sector do viño e a súa sustentabilidade, así como a remuda xeracional. Nesa liña, entre instrumentos de recuperación e reestruturacións parcelarias, xa son arredor de 35.000 hectáreas as que que están a ser mobilizadas na comunidade desde 2020, moitas delas destinadas á plantación e cultivo de vide.

Así mesmo, o conselleiro salientou o peso do sector vinícola galego, que agrupa máis de 10.000 viticultores e case 450 adegas, cunha superficie que supera as 8.700 hectáreas de viñedos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.