Santiago acollerá en novembro a próxima reunión do prestixioso grupo xeadeiro ’20 Bajo Cero’

Brígida Hermida (no centro) co resto do grupo '20 Bajo Cero'.

Brígida Hermida (no centro) co resto do grupo ’20 Bajo Cero’.

A próxima reunión do grupo ’20 Bajo Cero’ celebrarase en Santiago os días 7 e 8 de novembro de 2019. A anfitrioa do encontro é Brígida Hermida, de Xearte Brigitte (Rúa de San Pedro, 70), que conseguiu que o colectivo se reúna por primeira vez fóra da súa sede oficial, en Alicante.

’20 Bajo Cero’ está conformado por unha vintena dos máis reputados xeadeiros e xeadeiras artesás de España, todos integrantes, á súa vez, da Asociación Nacional de Heladeros de España, pero que teñen en común o seu interese por “impulsar a investigación e a aplicación das novas tendencias á xeadería artesá, porque é un sector que está a crecer e iso significa estar máis ao día en moitas áreas, como o márketing, a funcionalidade do xeado, os novos hábitos de consumo, etc.”, explica Brígida Hermida.

A xeadeira compostelá entrou a formar parte do colectivo tras a súa investigación sobre a influencia da calidade do leite no xeado artesán, converténdose na única representante de Galicia e na xeadeira máis nova do grupo, conformado maioritariamente por xeadeiros da zona sur de España, membros de familias xeadeiras de gran prestixio e tradición. “Que a próxima reunión de ‘20 Bajo Cero’ se celebre en Santiago é unha gran responsabilidade para min, pero unha oportunidade única para que moita máis xente nos coñeza porque nos dará visibilidade a nivel nacional”, apunta Hermida Ferro.

Na súa última reunión, celebrada na súa sede de Alicante, o colectivo avanzou nun dos temas de maior actualidade e no que seguirán afondando na cita de novembro en Compostela: os colorantes naturais. Brígida Hermida presentou un traballo en torno á cor verde que exemplarizou en dúas presentacións. “O meu obxectivo era obter unha cor verde natural que puidese utilizar no meu xeado sen que afectase o seu sabor e á súa estrutura e presentei dúas pezas: un granizado de kiwi e mazá cun xeado de menta fresca, e unha crema de menta fresca con cor verde obtida a partir da espirulina -un alga que dá cor pero non achega sabor- cunha Xacoblea de té matcha. E foron dous xeados que gustaron moito aos meus compañeiros”, explica a xeadeira.

O grupo tamén avanzará en Santiago noutro dos seus obxectivos: a creación dun selo de calidade a nivel nacional para o xeado artesán.

Xeado elaborado por Brígida Hermida.

Xeado elaborado por Brígida Hermida.