‘Sábados matinais’ cheos de boa música no mes de xuño en Cervantes

Los Fabulosos Weekend. Foto: Facebook

Los Fabulosos Weekend. Foto: Facebook

A praza de Cervantes volve a encherse de concertos durante este mes! Todos os sábados de xuño, ás 13:00 horas, poderemos gozar dun variado programa musical denominado ‘Sábados matinais’ que presentaron hoxe en rolda de prensa a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, na compaña de Manuel Manquiña e Alfonso Espiño, ambos integrantes de Los Fabulosos Weekends, unha das bandas que nel toman parte.

O ciclo arrancou o pasado sábado, 2 de xuño, cos sons xamaicanos de High Paw. Esta singjay  viguesa nada en 1993, iniciou carreira musical con só 15 anos e hoxe é unha das habituais da escena reggae olívica. Searching for the recipe é o seu primeiro traballo e con el participaron en eventos da contorna galega como o Dancehall Xplosion Moaña, o Sound System Nights, ou o Ska All Night, e en festivais do ámbito estatal como o Femines Fest en Vic.

O día 9 de xuño chegan á praza Los Mecánicos, un grupo coruñés con dez anos de traballo ás costas que recupera o ambiente dos anos 60 a través dun repertorio musical no que conviven formacións lendarias da contorna internacional como The Beatles, The Rolling Stones, Elvis, The Kinks ou Small Faces con clásicos rock en español como Los Salvajes, Los Bravos, Fórmula V ou Los Brincos e grandes figuras galegas como Andrés Dobarro ou Pucho Boedo.

O 16 de xuño é quenda para Matt & The Peabody Ducks, tres coñecidos músicos da escena rockabilly de Barcelona, Matt Olivera, á voz, guitarra acústica e compositor, Legacaster á guitarra eléctrica e Daniel Nunes ao baixo, que participaron con anterioridade noutras bandas de sona da cidade como The Quasars, Legacaster e Brioles. Coñecedores e amantes das raíces do rock traen para nós un espectáculo xenuíno na acústica e na estética no que que actualizan temas míticos do rockabilly e suman outros propios sen perder a sonoridade e matices da época. O seu primeiro EP, You cant beat me, está editado polo selo Katrina.

Los Fabulosos Weekend fanse coa praza o sábado 23 de xuño. Este novo proxecto musical integrado por músicos ben coñecidos na cidade como Chema Ríos (ao que escoitamos en Linces Pop ou Extrema Urgencia), Alfonso Espiño (Contrastes, Los Chavales, Mega Purple Sex Toy Kit, Espiño), Gonzalo Sende (Contrastes, Amordiscos) e o actor e cantante Manuel Manquiña (Sporting de Transilvania) achega versións de grandes clásicos como “Happy together”, de The Turtles; “Mony mony”, de Tommy James & The Shondells, ou “Summer in the city”, de The Lovin’ Spoonfool, e mestúraos con outras cancións e letras escritas por Manquiña. Todo iso nun directo ben enérxico e con coidados arranxos vocais.

Pechan o ciclo Los Duques de Monterrey o sábado 30 de xuño, cunha homenaxe aos narcocorridos mexicanos en todas as súas vertentes . No seu primeiro traballo, De asuntos perros, conflúen o corrido foraxido, o tex-mex e o country , coa banda sonora de coñecidos filmes e textos de Rulfo ou Rosalía. A conexión galego-mexicana dos Duques tece historias poboadas de negocios suxos, amores truncados e traxedias, coas que retratan sociedades en loita coa corrupción e a miseria e onde a inxustiza fai complicado distinguir entre o ben e mal.

Todos os concertos serán de balde e de acceso libre até encher a praza.