fbpx
CompostelaEntrevistas

Rubén González, restaurante O Muiñeiro: 
“O que mantemos sempre é o mimo co que tratamos á carne”

Por Rebeca Munín

Rubén González, en O Muiñeiro. Foto: Iván Barreiro
Rubén González, en O Muiñeiro. Foto: Iván Barreiro

Técnico de son de profesión pero namorado da hostalaría, Rubén González tomou as rendas de O Muiñeiro fai sete anos disposto a facer del todo un templo da boa carne galega. Situado nun dos barrios con máis tradición gastronómica da cidade, San Lázaro, o empresario acaba de poñer en marcha un novo restaurante, desta vez no Ensanche, Centralia, situado en Fernando III O Santo, 18.

Como acaba un técnico de son como empresario hostaleiro?

Empecei na hostalaría con 17 anos na rúa do Franco. Logo estudiei na Escola de Imaxe e Sonido de Coruña e desvinculeime uns anos do sector para traballar de técnico de son. Pero seguía en contacto coa hostalaría porque facía extras. Despois apareceume a ocasión de coller O Muiñeiro e fíxeno.

Pero seguro que o de hostaleiro é un traballo moito máis duro que o de técnico de son, sobre todo polas horas que se botan…

Si, pero engancha! A min gústame moito o mundo audivisual, sempre me gustou, pero se che gusta a hostalaría… engancha moito!

Como ves ao sector en Santiago?

Eu creo que hai un nivel bastante bo. Só hai que saír fóra e ver o que hai noutros lugares. Creo que cada vez se está profesionalizando máis. Hai máis formación. Eu mesmo que non estudiei nada relacionado coa hostalaría, si que me preocupo agora de ir facendo cursos, mellorar…

Cóntanos, cal é a historia do restaurante O Muiñeiro?

O local leva moito tempo aberto, uns vinte anos. O Muiñeiro é o nome que xa tiña. Non sabemos moi ben de onde ben. Creo que non ten máis motivo que o feito de que esta é a rúa da Muíña. Eu levo aquí sete anos. Desde 2011. Chegamos case por casualidade. Collimos o proxecto e desde entón foi cambiando. Fixemos unha pequena reforma hai uns cinco anos porque o local estaba un pouco desactualizado. Tiña as mesas moi grandes, máis tipo mesón. E nós démoslle un cambio de aires. O que mantivemos desde o principio foi o mimo co que tratamos sempre á carne. É o noso prato estrela. A min encántame, non só comela, senón que moitas veces vou visitar granxas, matadoiros, cámaras frigoríficas… É algo que me gusta e desfruto.

No voso comedor destaca a parede chea de viños con dedicatorias dos clientes…

Si, todo comezou de casualidade, por uns clientes que cando remataron a botella escribiron nela e asinaron para darnos as grazas. Puxémola na parede e a xente empezou a facer o mesmo. Foi iniciativa deles, nós non o pretendíamos (sorrí). Temos viños clásicos e algunhas recomendacións diferentes. Gústanos que os clientes pregunten: “que viño me podes poñer hoxe?”. A da hostelería é unha carreira de fondo, son anos e anos… No noso caso, aínda que nos falta moito por percorrer, xa logramos ter esa clientela que confía en nós. E iso é moi gratificante.