Restaurantes e actividades culturais para gozar estes días en Compostela

La Bodeguilla de Santa Marta. Foto: Iván Barreiro

Paseniño, paseniño á vida gastronómica e cultural volve ás rúas de Santiago e comarca. Desde hoxe, 1 de xuño, bares, cafeterías e restaurantes poden incrementar o aforo no seu interior ao 50% (antes era dun 40%), ao que hai que sumar o traballo das terrazas, tamén coa metade do servizo. 

Moitos dos locais de hostalaría de Compostela venden a domicilio (podedes consultar aquí unha lista de establecementos Pincha) e/ou abriron a semana pasada co inicio da fase 2. Outros tantos anunciaron a súa reapertura nestes días. Así, por exemplo, hai unhas xornadas que podemos gozar dos pratos do San Jaime (na  rúa da Raíña), do Benedita Elisa (na praza do Matadoiro) ou de O Afiador, que estreou ademais nova localización na Rúa do Valiño, 2.

Desde hoxe, 1 de xuño, as tres Bodeguillas (San Roque, Santa Marta e San Lázaro) regresan tamén á actividade. E anuncian cambios como códigos QR en todas as mesas que levarán directamente á carta dixital a través dos móbiles. O mércores 3 é o día escollido para arrancar en La Flor (Casas Reiais, 25), O Dezaseis (na Rúa de San Pedro) e Lume, o proxecto de Lucía Freitas xunto á Praza de Abastos que comezará cun único menú, seis comensais, dous turnos e só baixo reserva. O xoves 4 será o turno do Flamingo, na Rúa de Alejandro Pérez Lugín, e do Milongas do Preguntoiro.

Actividade cultural

O Museo do Pobo Galego reabre tras o confinamento mañá, martes  2 de xuño, cun horario que será continuado de 11:oo a 18:00 horas de martes a sábado. O Museo regresa programando a micro exposición titulada ‘A peste, outra vez!’. Realizada con fondos propios, estará instalada no andar alto do claustro durante os meses de verán. Ademais, o día 9 de xuño volverase a abrir a mostra ‘As pequenas cousas’, que viu diminuído o seu tempo de exposición por mor desta pandemia.

O cine volverá á cidade a semana que vén, co 33% do aforo. Cinesa abrirá o día 8 de xuño con só tres cinemas das máis de cincocentas salas que posúe en España. E unha delas será a que teñen en Santiago, no Centro Comercial As Cancelas. Tamén Numax ten previsto regresar o venres día 12.

E desde hoxe, día 1, volven as actividades en Dospasos. A sala de Bertamiráns retoma as clases de Ioga e Talla de Madeira. Aínda que outras actividades, como o Coffee and Chat, seguirán manténdose online.