Reno, entre o doce e o salgado

Un dos meus sitios habituais para refuxiarme cun café e un anaco de torta no inverno é o Reno; un espazo “multidisciplinar que podería estar en calquera sitio do mundo”, tal como o define Borja, a súa alma mater desde 2011. Recoñece que se construíu unha “casa” á súa medida en plena zona nova de Compostela, creada con retrincos de aquí e alá a partir das súas moitas viaxes cazando tendencias polo mundo.

Persoalmente, un dos meus maiores praceres é acomodarme polas tardes nun dos seus sofás para ler un libro ou unha revista, dunha coidada selección de publicacións de tendencias e arte, onde tamén se inclúe o Pincha, por certo. Unha delicia merendar mentres botas unha ollada ao último número da nosa revista.

O Reno é un sitio onde poderías pasar o día enteiro gozando dos seus múltiples ambientes en función da franxa horaria. “Podes estar desde primeira hora da mañá co café do almorzo ata tomar unha cervexa a última hora da tarde”, relata Borja. O público é moi variado. “É unha tolemia de sitio”, dinos. Executivos, administrativos, funcionarios, amas de casa, mamás cos seus bebés, familias (na media tarde ou nos festivos á hora do aperitivo), poboan o lugar ao longo da xornada. “Ao final isto é como un club. A xente vén e coñécese todo o mundo”.

Con respecto ao tema das merendas, Borja e o seu equipo quixeron dar un paso máis aló e ofrecer aos seus clientes un plus: as merendas salgadas cun toque gourmet, converténdose así no primeiro local de Santiago que combina o doce co salgado no horario vespertino. Desta forma dáse un novo impulso ás tardes, particularmente de 17:00 a 20:00, que é cando o Reno se transforma nun punto de encontro para familias con nenos.

Na nova carta de merendas, podemos atopar bocadillos gourmet como o mítico biquini (sándwich de xamón cocido e queixo); ventresca con pementos asados e follas verdes; bacon, queixo, mazá e follas verdes; tomate con xamón cocido, queixo fresco e pesto. Tamén nos ofrecen unha ampla variedade de tostas quentes e, no apartado de doce, á parte das clásicas Red Velvet e Carrot Cake, temos tortitas con sirope de arce.

Para acompañar, chocolates feitos alí mesmo, cafés e infusións especiais.

O doce máis característico da casa? Un croissant de manteiga e sementes que se fai no obradoiro situado na planta baixa do propio local.

Un dos elementos máis representativos do Reno é o seu xogo de luces, tenue e íntimo. Acariña. Como Borja é un espírito inquedo, dentro da súa constante innovación, acaba de renovar parcialmente a decoración. Non vos perdades o novo “comedor negro”, unha auténtica sorpresa para as ceas deste Nadal.

Precisamente para o Nadal, o 22 de decembro hai aperitivo especial, “con DJ, performances… estilo Berlín”, conta Borja, entusiasmado.

Para terminar, preguntámoslle por que recomendaría á xente a súa casa: “É un sitio moi dinámico, alegre, onde se acolle a todo o mundo”.

Definitivamente o Reno é unha mistura entre o doce e o salgado, o canalla e o elegante. Unha boa opción para unha merenda diferente este Nadal.

Fotos: Cedidas por Reno

 

Reno Restaurante & Bar

Rúa Doutor Teixeiro, 28 baixo
+34 981 561 018
www.acurtidoria.com/reno/