fbpx
CompostelaGastronomíaNovas

Regresa Santiago(é)Tapas con 59 petiscos, unha nova ruta veggie e numerosos agasallos

 

Presentación do XIII Santiago(é)Tapas.

Despois de ter que suspenderse en 2020 por mor da pandemia da covid-19, o XIII Santiago(é)Tapas comezará por fin este xoves, 11 de novembro. O concurso de tapas de Santiago, un evento promovido por Turismo de Santiago e organizado pola Asociación Hostalaría Compostela, ofrecerá durante dúas semanas e media -ata o día 28 incluído- 59 petiscos de 38 locais composteláns.

Así o indicaron en rolda de prensa o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte; a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, e o presidente da Asociación Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez.

O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, apuntou que o concurso supón un paso moi importante cara a normalización da situación na hostelería tras un ano e medio condicionados pola evolución da pandemia. Quixo destacar o esforzo de todos os establecementos participantes e tamén animou ao público a participar no concurso, retomando a costume de tapear, que é parte da esencia de Santiago.

Pola súa banda, Thor Rodríguez explicou as principais características desta edición. As tapas dividiranse en dúas modalidades: tradicional e creativa, ambas cun prezo de entre 1,50 e 3,50 euros. Establecéronse cinco rutas ou (é)tapas que se poden consultar tanto na páxina web santiagoetapas.gal como no Tapasporte, á disposición desde o xoves nos locais participantes, na Oficina de Turismo de Santiago, na Rúa do Vilar, e na sede de Asociación Hostalaría Compostela, na Rúa Salvadas, 29. Como novidade nesta edición creouse unha ruta extra veggie, con opcións para persoas vexetarianas, veganas ou flexitarianas.

Aqueles que vaian completando as diferentes (é)tapas gañarán agasallos como entradas para o festival de cine Cineuropa, o paraugas oficial do concurso, entradas para partidos da SD Compostela, botellas de viño, estancias de hotel, vales para o Mercado de Abastos ou un abono dobre para toda a tempada do Obradoiro CAB. Ademais, sortearase unha cea para dúas persoas no restaurante A Tafona -establecemento cunha Estrela Michelin e dous Soles Repsol- por cortesía de Cervezas Alhambra, entre todos aqueles que emitan o seu voto nas urnas habilitadas para tal fin nos locais participantes.

Entre todas as tapas presentadas outorgaranse, mediante o voto ponderado do xurado profesional e do público, un primeiro e un segundo premio á tapa creativa, dotados con 1.000 e 500 euros, respectivamente; un primeiro e un segundo premio á tapa tradicional, tamén con 1.000 e 500 euros; e, por primeira vez, un premio á Mellor Tapa sen Glute, grazas á colaboración da Asociación de Celíacos de Galicia. Ademais haberá dous premios do público, á tapa creativa e á tapa tradicional, dotados con 700 euros cada un.

O XIII Santiago(é)Tapas conta co patrocinio de Cervezas Alhambra que, na súa aposta pola gastronomía, impulsa o premio “Maridaxe Cervezas Alhambra” dotado con 500 euros en produto e a oportunidade de participar nun showcooking nalgún dos eventos promovidos pola marca. Cervezas Alhambra reivindica o tempo como o ingrediente principal á hora de abordar a gastronomía para desfrutar sen présas das mellores experiencias culinarias.

Tamén colaboran nesta edición do concurso Cash Récord, Fraga do Corvo e Utimaq.

Mirando o Tapasporte.

23 cócteles

Paralelamente ao Santiago(é)Tapas, entre o 11 e o 28 de novembro, celebrarase o II Santiago(é)Cóctel, o concurso de cócteles que organiza a Asociación Hostalaría Compostela, co patrocinio de Cash Record e Royal Bliss. En total, nesta segunda edición competirán 23 propostas de 15 locais composteláns.

Os cócteles dividiranse en dúas modalidades: sen alcohol, cun prezo de 5 euros, e con alcohol, de 6 euros. Premiaranse dous deles, con 500 euros cada un. Ademais, haberá un premio ao Mellor Gin Tonic Royal Bliss Tradicional e o Mellor Combinado Royal Bliss Vangarda, de 600 euros cada un.

O consumo dos cócteles tamén terá premio, podendo gañar un paraugas ou unha botella de Áncora de Silleiro por cada cinco combinados selados no Tapasporte.