fbpx
CompostelaCulturaNovas

Redrum Teatro estreará en Compostela a súa adaptación do ‘Hamelin’ de Juan Mayorga

Redrum estrea o seu último traballo, ‘Hamelin’, o vindeiro 23 de febreiro no Teatro Principal de Compostela, onde repetirá un día despois antes de realizar paradas en Cangas, Pontevedra, A Illa de Arousa, Lugo, Teo e Verín. A obra, dirixida e adaptada por Alex Sampayo, está protagonizada por un elenco de sete intérpretes formado por Guillermo Carbajo, Mónica García, Roberto Leal, Machi Salgado, Belén Constenla, Fran Lareu e Rubén Porto.

O Teatro Principal de Santiago acollerá o vindeiro xoves 23 de febreiro ás 20:30 horas a estrea de ‘Hamelin’, o decimosexto espectáculo de Redrum Teatro. Alex Sampayo encárgase da dirección e mais da adaptación desta obra, que conta cun elenco conformado por sete intérpretes: Machi Salgado, Belén Constenla, Guillermo Carbajo, Mónica García, Roberto Leal, Rubén Porto e Fran Lareu. “É unha obra que trata sobre os abusos á infancia, que teñen moitas caras e neste espectáculo recóllense todas con duplas e triplas lecturas de todos os personaxes”, sinalou Alex Sampayo, quen compareceu hoxe ante os medios nunha rolda de prensa na compaña da concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López; o director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil; e Guillermo Carbajo, actor e membro de Redrum Teatro.

Esta será a segunda adaptación de Redrum Teatro dun texto de Juan Mayorga, autor teatral que en 2022 recibiu o Premio Princesa de Asturias das Letras. Logo de ‘O mozo da última fila’, nesta ocasión trátase de Hamelin, obra de 2005 pola que o dramaturgo recolleu o Premio Max ao mellor autor teatral. Agora chega ao galego co apoio da Xunta de Galicia, a través das liñas de axudas á creación escénica, e do Concello da Illa de Arousa, pois a compañía levou a cabo os ensaios no seu Auditorio Municipal. “A obra inspírase de forma moi libre nun caso real, ocorrido no barrio barcelonés do Raval a finais dos anos 90, e reflexiona sobre como a rapazada é quen paga os pecados dos propios adultos”, relatou Alex Sampayo ante os medios.

Compostela será a primeira parada dun espectáculo que dará ao público unha segunda oportunidade no mesmo escenario o día seguinte, o venres 24, coa asistencia de Juan Mayorga. Ademais, o xoves 23 haberá #posfunción ao remate do espectáculo, onde o público poderá intercambiar reflexións co equipo da obra.

Presentación de ‘Hamelin’. Foto: Concello de Santiago

Redrum Teatro proseguirá a súa xira nas vindeiras semanas con funcións en Cangas (4 de marzo), Pontevedra (9 de marzo), A Illa (1 de abril), Lugo (20 de abril), Teo (28 de abril) e Verín (6 de maio). As entradas para as dúas representacións de Santiago poden adquirirse a través da plataforma www.compostelacultura.gal e na Zona C (Praza de Cervantes) de martes a sábado, no seu horario habitual. Tanto as funcións en Compostela como as de Pontevedra e Cangas enmárcanse dentro da programación semestral da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Pola súa banda, o actor Guillermo Carbajo animou o público a ver este espectáculo. “Agradecemos a Mercedes Rosón, a Xaquín López e a Jacobo Sutil que nos apoien para estrear a obra nun escenario como o Teatro Principal”, sinalou. Xunto á dirección e o elenco de sete intérpretes completan o equipo Laura Míguez como axudante de dirección, Carlos Álvarez-Ossorio como responsable do deseño de iluminación e Fernando Epelde como encargado do espazo sonoro.

Redrum Teatro

A compañía Redrum Teatro funciona como unha empresa cultural dedicada á produción e distribución de espectáculos e á edición de libros dende o ano 2009. Dende a súa fundación, a compañía levou a escena obras para o público familiar (Moito Conto, Roedores, A nena que quería navegar ou Contos do recreo) e diversos espectáculos para adultos, entre as que cómpre destacar Currículum vitae, Noiteboa, A canción do Elefante, Idiota, O mozo da última fila ou Invisibles, montaxe esta última galardoada cos Premios María Casares á dirección, á iluminación e o texto adaptado en 2019. Para a que será a súa décimo sexta montaxe, Redrum Teatro escolle Hamelin, de Juan Mayorga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.