Recta final de ano cargada de propostas divertidas para coñecer xente nova con On y Vá

Este 2019 imos poder despedilo asistindo a diferentes eventos organizados por On y Vá, nos que ademais de pasar un bo rato, poderemos coñecer moita xente.

A primeira das citas será o sábado 30 de novembro ás 22:00 horas en Espontánea (Rúa Porta da Pena, 10). Alí celebrarase un ‘Punto de Encuentro’, unha proposta na que a través de dinámicas moi entretidas pódense facer novos amigos e amigas.

Para aqueles aos que lles guste o misterio, On y Vá organiza tamén proximamente outra das súas ceas secretas (Neste caso Festa secreta porque será máis desenfadada). Nelas non sabes absolutamente nada – nin o lugar, nin o menú, nin a quen vas atopar… – ata tres ou dous días antes cando recibes unha invitación só cun horario e un lugar ao que acudir. A vindeira será o 13 de decembro.

En ámbolos casos, se queres recibir máis información podes escribir a info@helloonyva.es ou cubrir o formulario de inscrición que atoparás nas súas páxinas de Facebook e Instagram.

Por último, a Escola Unitaria, no barrio de San Pedro, acollerá o vindeiro 22 de decembro  un novo Sunday Drama, no que desde as 13:00 horas haberá música, petiscos, sorteos… con entrada libre.

Graciela Castro

Detrás de este proxecto está a mente de Graciela Castro, quen procedente dunha familia de hostaleiros e despois de estudar Xestión de Empresas Hoteleiras no Centro Superior de Hostalaría de Galicia, necesitaba dar renda solta á súa creatividade.

A historia de On y Vá comezou alá polo 2012 facendo almorzos a domicilio. Posteriormente Graciela emigrou a Londres e ao voltar a Galicia decidiu centrarse na organización de eventos diferentes, tanto para empresas como para particulares. «Cada vez chámanme máis para eventos de networking, dinámicas de grupo…», explica.

En Inglaterra foi onde deu forma aos seus Sunday Dramas: «Vivía con dúas rapazas e o domingo era o día dos dramas. Facía os brunchs e cada unha contaba as súas penas. Pero acababamos invitando a amigos, bailando na cociña… cousas así», sinala. «Eu antes odiaba os domingos. Parecíanme superdeprimentes. Agora encántanme!», comenta cun sorriso.

E para dar forma á idea das ceas secretas inspirouse nun libro: Super club. Así chegou a cociñeiros pioneiros destes encontros ‘clandestinos’ como o portugués Nuno Mendes. «Cando volvín a Santiago, busquei a forma de poder organizalas aquí, alugando diferentes espacios e servindo un cátering», apunta. Polo de agora, xa leva unhas cantas ceas secretas organizadas das que saíron amigos, amigas, parellas… Haberá que probalas, non si? 😉