fbpx

Reapertura da hostalaría galega desde este venres 4 de decembro

Almorzo con Pincha en O Pazo de Altamira. Foto: Iván Barreiro
Pronto poderemos gozar de novo da Revista Pincha nos bares e restaurantes como o Café de Altamira. Foto: Iván Barreiro

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe unha suavización das restricións que entrarán en vigor ás 00.00 horas do próximo venres, 4 de decembro. Permitirase a interacción social entre persoas non conviventes, aínda que en diferente número -máximo de 4 ou de 6- dependendo da situación en cada zona; e abrirase a hostalería, tamén gradualmente e con limitacións segundo os indicadores.

No nivel de restrición básica -cando a incidencia estea por debaixo dos 100 en concellos de máis de 10.000 habitantes e dos 150 nos concellos de menos de 10.000- o criterio de apertura da hostalería será de 50% de aforo no interior e 75% no exterior, ata as 23 horas, e cun máximo de 6 persoas conviventes ou non. Nesta situación entran, entre outros municipios: Santiago, Ames e Teo (consulta aquí as restricións no resto de municipios).

A Asociación Hostalaría Compostela sostén que estas medidas da Xunta son insuficientes por non incluír un plan de axudas estable para todos aqueles negocios que non poidan reabrir. A entidade considera que os límites de aforo marcados non son viables para unha gran parte da hostalaría, como aqueles que contan con locais pequenos ou que non teñen terrazas, e que ademais non poden usar as barras.

Os representantes do sector en Santiago lamentan tamén que non se permita aos locais de ocio nocturno desenvolver actividades propias de café e bar no mesmo horario que o resto de establecementos, horario que teñen permitido nas súas licenzas; ou que non se recollan outro tipo de medidas como reforzar con ventilación mecánica aqueles locais que poidan ter unha ventilación natural insuficiente.

Para a Asociación compostelá si que é acertado, tal e como se recollía na súa proposta, que as medidas varíen en cada territorio dependendo dos criterios obxectivos epidemiolóxicos.

Axudas do Concello

Hoxe tamén tivo lugar unha reunión entre o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e a Hostalaría Compostela co obxectivo de preparar a convocatoria da primeira axuda de 1.600.000 euros destinada a financiar o gasto corrente dos negocios de hostalería e restauración que se acollan a ela.

Segundo indicou o alcalde, «é probable que o luns se aproben as bases desta convocatoria» ao igual que a das axudas para o comercio (600.000 euros) e para o sector cultural (300.000 euros). Desta forma, o prazo para a solicitude abrirase a semana que vén, nun día aínda por pechar, e rematará o 15 de decembro.

As axudas terán unha contía mínima de 1.000 euros e máxima de 3.000 para o sector do ocio nocturno, un dos máis prexudicados polas medidas restritivas. Para o resto dos negocios o tope máximo será de 2.500 euros. Outorgaranse por orde de entrada da solicitude no rexistro (na sede electrónica), que deberá ir acompañada dunha declaración responsable debidamente cuberta, porque, tal e como indicou o rexedor, «a data a ter en conta sería a da subsanación».

O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, fixo fincapé en que o sistema busca habilitar «a solución máis rápida posible» para que a inxección de liquidez aos negocios chegue canto antes. A Asociación Hostelería Compostela amosaron a súa satisfacción coa medida.

Esta primeira convocatoria de 1.600.000 euros encádrase no plan de axudas aos sectores máis afectados polas medidas restritivas para a contención da pandemia, e executarase con cargo ao remanente de tesourería. Serán en total 3,5 millóns de euros para o comercio, a hostelería e o sector cultural, que se completarán cun millón máis a achegar pola Deputación da Coruña.