fbpx
666rpmCompostela

RADIO ZAPA! Tres tipos estupendos

Por César Varela de Historia do Rock Compostelán

Radio Zapa!. Foto: Alfredo Sánchez
Radio Zapa!. Foto: Alfredo Sánchez

Non! Non é un tributo a Frank Zappa, e moito menos unha homenaxe a Zapatones, nin tampouco unha emisora de radio, aínda que cada vez teñan máis proxección cara o espazo exterior como as ondas hertzianas. Radio Zapa! son a nova sensación do rock compostelán. Un power trío cargado de fuzz e letras incisivas. Quen llo ía dicir hai tres anos, cando se xuntaron coa intención de crear un proxecto que en principio parecía ir orientado quizais máis cara o country nun formato acústico e que logo os levou a facturar sons moito máis densos que van desde o rock dos 70 ata o stoner?

Martín Zapata (guitarra e voz), de aí o nome da banda, xa tiña un montón de composicións elaboradas e consegue xuntar a Fran Facal (batería) e Jacobo García (baixo) para darlle forma ao grupo. Tres músicos con moitos anos de experiencia e rodaxe noutros proxectos que xa forman parte do seu amplo currículo (Ruxe-Ruxe, La Maldita Blues Band, The Fabulous Resaca Brothers, Miskatones, Clan Moriarty, Lou Reyes, Bakin’ Blues Band, Dr. Gringo, Sinestesia ou Néboa). A diferenza de idade non é un factor clave, xa que os tres están unidos por un denominador común: o rock.

Logo dun ano de duros ensaios, conseguen crear un amplo repertorio consistente en composicións propias e rexistran a súa primeira gravación: “Igual es diferente” (2017). Cinco excelentes cortes de furia transformada en celebración catártica, gravados e mesturados por Chus Silvanos Estudios Aparato e masterizados en Metromastering por Saúl Patiño, nos que denuncian a contaminación do mercantilismo no cotián, o amor e a arte, mostrando una reacción contra o aplastante poder do falso e o aparente. O lanzamento do E.P. vén acompañado dun magnífico videoclip do que quizais sexa o tema máis pegadizo do disco “Estupendos”, que podes visualizar en YouTube ou entrando directamente no seu sitio web: zapagrupo.com  Non! Radio Zapa! non teñen pelos na lingua! Iso xa mo deixaron claro…

Ao longo de 2017 lánzanse a tocar e presentar o seu produto nunha serie de concertos cargados de enerxía edensidade, facendo delo un risco significativo da súa posta en escena. No verán dese ano resultan gañadores do concurso Sonidos Mans do Festival Revenidas, o cal supuxo un pequeno empurrón para un proxecto que xa empezaba a acumular datas entre os locais de concertos de toda Galicia.

En 2018 presentan “La Cantinela”, novo single e videoclip, na que ven a ser a nova volta de torca en canto ao son da banda. Letras contundentes, riffs pesados e a mesma dose de acritudede sempre, coa inclusión de sintetizadores como novo colorido ao denso son do trío e co que empezan a formar parte de carteis de festivais e a moverse fóra de Galicia.

Odio as comparacións, pero escoitando as súas gravacións véñenme directamente ao cerebro sons que me lembran a clásicos do panorama estatal como Leño, Del-Tonos, Los Enemigos ou Ilegales. Non sei se son algunhas das súas influencias ou é cousa miña, pero desde logo, de ser así, teñen bo gusto os tipos.

Actualmente atópanse presentando o seu poderoso directo, tanto en salas como en medios (hai uns días rexistraron un para Estudio 3 de Radio Galega Música, coidadosamente gravado por Toño Vázquez, que tamén exerce profesionalmente como técnico de son do trío compostelán) e preparando o que será o seu próximo videoclip e tema inédito na búsqueda dun novo verán cheo de fuzz, rabia e escenarios.

Agora que a radio convencional está nun momento compricado debido ás novas tecnoloxías, xa tes unha nova sintonía e punto no dial. Non dubides en sintonizar RadioZapa!