fbpx
#apaparCompostelaGastronomía

‘Quesadillas’ de roxóns con queixo no Toñito

Por @JuanEAT_o

@JuanEAT_o, no Toñito tomando as súas quesadillas de roxóns con queixo. Foto: Iván Barreiro

Se buscas, sempre atopas! E, neste número de Pincha, quixen ensinarvos algo un pouco máis afastado das típicas zonas de hostalaría de Santiago. Así cheguei ata O Toñito, un bar sito preto dos edificios da Xunta de Galicia, na avenida de Rodríguez de Viguri.

O local conta cunha terraza traseira con zona de aparcamento, o que fai que sexa moi cómodo quedar alí a tomar unas cañas e picar algo. E disto quería eu falar neste artigo, xa que na miña visita ao Toñito puiden probar unhas quesadillas de queixo de Arzúa-Ulloa e roxóns da Carnicería Esteban, na Praza de Abastos, os cales teño que dicir que lle quedaron exquisitos a Pedro, coma sempre! Para min, os mellores de toda a cidade.

O prato vai presentado en oito triángulos pensados para compartir, ou non! (hehehe) Para o meu gusto, estaban boísimos, así que podedes imaxinar que non deixei nin un na mesa.

As quesadillas ían acompañadas de dúas salsas, de aguacate e de pico de galo, de elaboración caseira. Contoume Almudena, unha das socias do Toñito, que están traballando tamén na creación dos seus propios nachos, unha proposta que estou desexando ir probar, porque de seguro nada terán que ver cos de bolsa.

En definitiva, esta versión galega deste típico prato mexicano resulta ideal cando queres saír a comer algo rápido, rico e botándolle unha parola cun bo amigo.

DATOS

Lugar: Avenida Rodríguez de Viguri, 45 Santiago

Prato: Quesadillas de roxóns con queixo

Prezo: 9 € 

Foto: Iván Barreiro

Por Xiana Arias  

Almudena Castro: “Buscabamos saír da clientela de paso, ter un espazo familiar onde coñeces á xente, sabes o que lle gusta ou que toma”

Almudena Castro rexenta xunto con Daria Alesi o local O Toñito. Foto: Iván Barreiro

A Avenida Rodríguez de Viguri agocha un deses bares nos que sentirse coma na casa: O Toñito. Un local que celebrou primeiro aniversario o 28 de xaneiro e para o que as súas promotoras recuperaron o nome orixinal co que abriu por vez primeira nos anos 70. Almudena Castro e Daria Alesi levan anos traballando na hostalería compostelá, coñecéronse cando o facían ambas no París, e buscaban nesta nova aventura crear un espazo acolledor no que coñecer ben a quen atenden. De conversa con Almudena, descubrimos que conseguiron iso e máis, a súa clientela é moi variada e totalmente interxeracional. O Toñito é de todo: cafetería con almorzos pola mañá, casa de xantar ao mediodía, taberna e centro social polas tardes, parada obrigatoria se andas de tapas e un estilo pub cando marcha o sol, sobre todo coas sesións musicais dos venres. Se a isto lle sumamos que ten aparcadoiro e dúas terrazas… non sei a que agardades se aínda non fostes dar alí.

A tortilla e o dominó

Polas mañás, co café, pódese escoller entre acompañalo con doce ou con tortilla de patacas. Almudena cóntanos que isto vén de atrás “dos diferentes locais que albergou este espazo”. Que ela saiba, “todos seguiron facendo tortilla ao almorzo e nós tamén”. Non é a única herdanza que quixeron e queren manter. Tamén as partidas de dominó das primeiras horas da tarde: “Cando collemos o bar, preguntaron se podían seguir vindo a xogar”.

Cando dan as catro, Manolo, José Manuel e Antonio están xa sentados nunha das mesas interiores agardando por máis compañeiros para empezar a partida. Son veteranos do dominó. Aprendérono de seus avós, de seus pais, e xogárono por toda Compostela: “No Monterrey, no Hotel San Lázaro, no Media Luna, no Camiño Francés, no Queimada, no Casimiro de Vidán…”. Van enumerando bares e tabernas das que non moitas quedan abertas e contan que no Toñito “os tratan moi ben” para, entre risas, apostilar que “hai outros locais nos que non somos tan ben recibidos… ás veces elevamos un pouco os decibelios”.

Para a panda do dominó, O Toñito é o seu centro social. Ás veces xogan ao tute ou á escoba pero o que máis lles quita o sono son as partidas con esas baldosas brancas e negras. Din que “activa a mente”, que “fai traballar a memoria”, que é “un xogo de pensar”. Eles non se xogan nada máis ou nada menos que “a honra” pero o resultado da partida inflúe en como pasan a noite: “O peor é cando perdes que despois das voltas na cama pensando… e se xogase a dúas/branca e non a dúas/tres?”.

 Pídechas o corpo

O ambiente da hora das tapas do Toñito é coma o dun pub de tarde: música, rondas e desenfado. A diario dan tres tapas diferentes, unha nova con cada consumición que vas pedindo, aínda que tamén podes picar algo da carta. Ademais, os venres organizan pinchadas con vinilos. Por alí xa pasaron Fragabuqui e Wanda Buluva, que chaman ás súas sesións “Pídechas o corpo”, ou os Dj’s Bluemause, Ghuin Pan Funk, MikeLaTrama, Abel Visión… No verán tamén fan concertos na terraza cuberta onde xa soaron algúns dos grupos que son banda sonora da cidade: Barbitúricos, Tato e Espiño, Mad Martin, Lou Reyes, Xulián Freire ou Javi e Carlos Pretty.

“Queremos ter programación propia pero tamén que a xente saiba que ofrecemos o espazo para realizar actividades culturais”, apunta Almudena. Esta cambadesa leva uns doce anos en Santiago: “Vin a estudar filoloxía e rematei na hostalería”, di rindo pola casualidade da rima.

E algo desa mestura hai tamén no Toñito, cando menos nas lonas da terraza. Nelas hai escritos con letras ben grandes anacos de poemas: “… e celebrarnos como festexos curativos epidémicos” de Diana Kurich; “A cama sen ti é un país en guerra” de Andrea Nunes ou “Eu non sei consolar vacas” de Olalla Linhares. Non é esta a única decoración curiosa do local que ten os seus baños totalmente empapelados con exemplares da desaparecida revista Compostelán, case que unha antecesora na cidade desta querida Pincha.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.