Queixeamos? Con queixo de Arzúa!

Van 44 edicións da Festa do Queixo de Arzúa, ingrediente que se derreterá en deliciosas tapas e petiscos nos bares. No Bar Manolo, tamén. Como que anda Pilar Couso, a súa encargada, a voltas argallando que vai facer e toleando a súa nai de paso, porque a fin de semana esta aí…

-Ou Pile? Sonche horas!
-Cala, cala que é feira!!
(Risas que mexo!!)

Calcula que preparará unhas catrocentas tapas. Ademais de queixo Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa cóntame, polo baixiño, que a tapa do Bar Manolo levará, entre outras cousas, ovos e leite, leite galego, dende logo! Porque sabedes que o de Arzúa é un concello eminentemente rural, non? Home!! Teño familiares que tiveron vacas e granxas e moi bos amijiños que xa son segunda o terceira xeración de bos gandeiros e labregos, como Susiño e Andreíña, que ademais de traballar moito e ben no campo, dánselle fenómeno os bares, a pandeireta e os aturuxos (teredes que vir buscalos queixeando!). Algúns outros traballan en queixerías como a que fai o Galmesano, que está de morte súbita! Alí temos a Iván (alias “Ivaloteli”) que de paso que carga nos queixos, imítache a Romeo Santos, todo a un tempo!

Como ben dixo Pili: “Mañá é feira!» (venres 8 de marzo). Así que dende primeira hora da mañá estará ben concorrida a vila. Con xente da contorna que ben mercar carne, polos, plantas, roupa ou utensilios á feira, a que ven comer o pulpo e a que xa aparca no pobo ata o luns, para queixear a gustiño, comer, tomar uns chirmes e bailar cos rockeiros que veñen tocar á carpa porque seica vai chover… E se chove que chova!! Como Tamara e Zuhaitz (alias “Suso”, porque soaba máis galego! Podedes rir!), que xa están de camiño dende Bilbao, aupa aí!!

Total que todos imos estar ao mesmo: Queixeando! Os que vamos á Festa do Queixo somos moi afeccionados aos petiscos, porque os bares esfórzanse moito! Sempre hai tapas variadas, vistosas e diferentes e o ambiente é boísimo! Non faltan gaiteiros, música e xente de fóra!

O Bar Manolo participa sempre no concurso de tapas. Abriron as portas no ano 1969, das mans de Teresa Couso e Manuel Couso (os pais de Pili)… –Non che son primos, eh!! E que en Villantime sonche todos Couso!! (Río que me mato). “Meus pais abriron o bar antes de eu nacer. Daquela a xente empezoulle a chamar o bar novo, moitos ata crían que era o noso apelido. Despois xa se lle puxo Bar Manolo… Aínda que debía chamarse bar Teresa, que era a que estaba aquí da mañá á noite!! Que meu pai ía recollelo leite (gargalladas). Ao principio era taberna, pero algúns familiares e amigos sempre lle encargaban a miña nai que fixera pois a carne da caza, unhas tortilliñas con chourizos un domingo, troitadas, riles… O bocadillo para ir á obra”… E de feito segue vixiando a Pili na cociña e botándolle unha axudiña e algúns trucos para os callos e os guisos. (Ai, onde estean as naiciñas!!)

No 2004 colleu Pilar o relevo, ao xubilarse seus pais. Foi o primeiro en reformarse na vila e decidiu servir menús, racións, tapas e xantares e ceas por encargo. Funcionoulle ben, non só para os peregrinos e xente de paso, senón tamén coa xente local, que ven aquí de viños ou celebra un aniversario ou unha xuntanza.

Xa vos dixen que tamén vendía queixo, non? Pois si, no Bar Manolo tedes queixo tetilla de Arzúa, queixo Arzúa-Ulloa da Queixería Barral, Galmesano e queixo da nabiza!! Este último é caro e moi difícil de conseguir!! É un queixo de inverno, conservábase ata dous anos, nos hórreos co millo ou nas huchas do trigo, onde curaba mellor e se gardaba, para que non collera o bicho. “É durírmo, hai que ter tino que non cho tiren á cabeza!”, ri a gargalladas Pili.

Con un pouco de sorte librámonos de levar un golpe e pasámolo bomba na Festa do Queixo de Arzúa. Queixeamos ou insisto?!

(Posdata. Unha aperta moi forte para o meu veciño de Pereira!)

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.