fbpx
A CoruñaCulturaNovasOído, artesanía!ReportaxesSilvia Castiñeiras

Queca Ares, de Arteviares: “A xente pensa que o vidro é un material fráxil e descoñece todas as súas posibilidades”

Por Silvia Castiñeiras

Foto cortesía da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

María Jesús Ares, máis coñecida como Queca, é unha das artesás que rexenta a marca familiar Arteviares e responsable artística da mesma. A esencia do apelido desta saga de creadores vai no seu propio nome comercial, arte en vidro Ares, unha división da lonxeva Cristalería El Reflejo, que conta con tenda física na Coruña, e que foi evolucionando ao longo do tempo, paradóxicamente, cara as orixes artesanais no tratamento do vidro.

Como foron os comezos de Arteviares?

Vimos de anos de experiencia no que ten que ver coa produción de artigos relacionados co vidro, dende que a miña familia, xa fai 87 anos, comezou cunha fábrica de espellos, dedicándose a elementos de decoración dentro do que é a cristalería. Xa imos pola cuarta xeración que continúa coa empresa familiar. Eu mesma comecei a interesarme por técnicas como a do fusing coa que sometes o vidro a unhas temperaturas de máis de 800 graos, creando pezas fundidas moi sorprendentes. Así, en 1995 creamos dentro da empresa a sección Arteviares, que forma parte de Artesanía de Galicia e está centrada máis na creatividade.

Que tipo de pezas creades?

A raíz desta nova división comezamos a crear pezas personalizadas e únicas relacionadas moito cos agasallos, por exemplo detalles de empresa, obxectos conmemorativos, presentes para celebracións como vodas, comunións… Facemos trofeos deportivos, colgantes ou vaixelas de vidro. Destas últimas temos unhas infantís moi orixinais. É curioso porque a xente descoñece todas as posibilidades que ofrece o vidro, adoitan pensar que é algo fráxil e en realidade é un material nobre e duro.

Cal é a vosa relación co ámbito da restauración?

Creamos pezas particulares para restaurantes segundo o que precisan, e como fabricamos peza a peza todas son diferentes. Adaptámonos ao que piden, por exemplo facendo formas especiais para colocar o garfo ou para presentar un menú de determinada maneira. Pero non só lles facemos vaixelas, tamén decoración en vidro como repousa cubertos, centros de mesa, floreiros ou identificadores para as mesas.

Que vos supón contar coa marca Artesanía de Galicia?

Formar parte de Artesanía de Galicia dános prestixio. Fan unha selección moi axustada e controlan o intrusismo, por iso cremos que é unha garantía para todos. A nós apórtanos moita seguridade.

Onde se poden mercar as vosas pezas?

Na tenda de Cristalería El Reflejo na Rúa da Torre, na Coruña. Ademais, vendemos na fábrica (Avenida de Finisterre) e online en www.arteviares.com. Tamén nos atoparás en numerosos comercios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.