fbpx

Que foi de? A memoria dos bares en Compostela

Ana Castro e Fernando Franjo, xunto á gramola do bar O Galo D’Ouro. Foto: Iván Barreiro

Ana Castro tropezou un día con Fernando Franjo, por mor dunhas vidreiras! El, historiador, xornalista, xestor cultural, especializado no mundo dos cafés históricos. Ela, taxadora de arte e antigüidades e comisaria de exposicións. Dous apaixonados pola protección do patrimonio. Quen lles ía dicir que os seus camiños se cruzarían nos bares, en concreto facendo memoria deles. Neste caso foi no Derby.

A Ana encárganlle a taxación das vidreiras deste bar, cando pecha por xubilación, e como Fernando escribiu un artigo sobre o Derby no seu libro “50 cafés históricos de España e Portugal” empezaron a tirar do fío e naceu un proxecto conxunto, un libro e unha exposición itinerante! O seu traballo de recuperación da memoria deste café fundado nunha recente estreada Praza de Galicia, na Compostela de 1929, viaxa polo Ensanche, Santa Marta e Fontiñas (ata outubro), para continuar despois por outros centros socioculturais ata febreiro. “Para que se coñeza a historia do Derby e dese Santiago, vista a través dun café. Todo un século de historia da cidade. Con este percorrido chegamos a un público de idade avanzada e achegamos o que coñecemos do seu patrimonio e aprendemos do que nos vai aportando cada visitante. Memoria! Porque as testemuñas enriquecen. Chegamos tarde -lamentan-, pero a tempo, porque deste xeito rememoramos 91 anos de supervivencia dun bar, por riba de todos os cambios urbanísticos, políticos. O Derby é historia viva!”.

Na exposición teñen tamén unha pequena recreación de como era o bar, incluída unha réplica da vidreira. 

Que foi do Derby? Agora está pechado. Un bar que viviu do 1929 ao 2020. Reabrirá obrigado a conservar os elementos máis importantes do seu patrimonio. Protexendo e valorando vidreiras, zócalo de madeira de caoba, o mostrador de mármore de Carrara, a cornixa de Díaz Valiño.

“Dalgúns edificios só queda a carcasa e o de dentro destruíuse por distintos factores, non só os cafés, as mercerías e outros edificios ou negocios históricos. Por mor dunha xubilación, sagas familiares que se esgotan, non habendo relevo xeracional, rendas, revendas… O paso do tempo, o tratamento da caruncho, a humidade, recuperacións custosas ou imposibles, gastos de limpeza de mobiliario antigo… Os cambios sociais, as crises, a operatividade, as problemáticas da evolución da sociedade…”.   

Son moitos os factores que fan que hoxe nos preguntemos en Santiago e que foi de…?

Que foi do restaurante Asesino? Está pechado dende 2012. Un local na Praza da Universidade que data do 1877 e que está pendente dunha nova apertura tras unha renovación completa, porque nada queda do que era.

El Asesino, de 1877, estaba situado no baixo deste edificio. Pechou no 2012 e está pendente dunha nova apertura. Foto: Iván Barreiro

Que foi de El Muelle? Houbo un relevo xeracional; unha reestruturación, mantendo a esencia e a decoración. Un bar de 1931 situado na Rúa da Senra. Noventa anos en activo.

Que foi de A Reixa, Borriquita de Belén, Atlántico, Camalea, Gramola, Embora, Metate, Casa das Crechas, O Paraíso perdido, Momo, Fuco Lois, Tarasca, A Carrilana? Todos sobreviven. Seguen abertos, funcionando e algúns ata conservan algúns elementos estéticos, arquitectónicos ou parte da esencia cos que foron abertos. Todos datan aproximadamente do inicio dos oitenta, nun Santiago no que vivían 50.000 estudantes. 

Que foi do Modus Vivendi? O pub máis antigo de Galicia, o primeiro en obter licenza deste tipo, no 1972. Unhas antigas cortes que fan 50 aniños vivas e coleando e de que maneira! Servindo copas, provocando tropezos entre almas xemelgas ou entre historiadores e taxadoras de arte. 

Que foi do Café Casino? Aberto. Funcionando. Un sitio do máis emblemático na cidade, que  fará 150 anos en 2023. Fernando e Ana están somerxidos nun proxecto ao redor deste local: o estudo do Casino enteiro. Foi unha sociedade privada ata 2002, de aí converteuse en café e o ano que vén será a sociedade recreativa máis antiga de Galicia aberta. 

“Tentamos achegar o Casino non só ao turismo, senón involucrar á cidade no seu coñecemento e valoración, para que forme parte da súa memoria. Poñelo de preto para os picheleiros, non só para os de fóra”. Dino dous santiagueses adoptados que teñen moito que estudar neste bar, é de onde xurdirá outro proxecto editorial e expositivo que estamos desexando ver e sorber cun café ou con coñac, que leites!

Porque para falar desta memoria dos bares de Santiago que mellor que Fernando e Ana. Un monfortino e unha granadina. Case morro da risa! Ningún é de aquí, pero viñeron á festa e ao carallo! E o seu amor por Compostela e pola conservación do que é de todos e para todos, da historia, da cultura, dunha memoria colectiva… Fernando e Ana loitan todos os días por gardar cachiños de historia ata nun café! Por visibilizalos. 

Se é que todo pasa nos bares e aínda non nos quixemos dar de conta! Son esa especie de museos peculiares, vivos, útiles, onde ves cousas das que xa non hai, bebidas das que xa non se fan, xente da que xa non nace… (Risas!) Co cal son patrimonio mundial, arte vivo, locais con murais, obxectos históricos, que debemos conservar, para que noutros cen anos alguén se marabille co valor das pezas, coas memorias destes establecementos de cafés, copas e xentes variadas.  

E que foi de O Galo D’Ouro? Un bar na Rúa da Conga de 1973. Pechado en 2020 e reaberto agora por Marga Balboa, unha picheleira de pro e coñecida hostaleira, que nunha aposta persoal -e económica-, puxa e loita contra a humidade e outros fenómenos provocados polo caprichoso paso do tempo, para conservar e sacar lustro ao Galo máis compostelán.

Un dos recunchos de O Galo D’Ouro. Foto: Iván Barreiro

Timidamente agochada detrás da barra de madeira maciza, tallada a man, que pode gardar millóns de segredos ou de bechos, senón a coida moitírmo! (ha, ha, ha) Detrás desas paredes que gardan ecos de risas e berros de centos de miles de nomes e apelidos de personaxes famosos, entrañables, malévolos e maquiavélicos, da cidade e da contorna. De historias de antonte e de pasado mañá… Está unha muller que cre nos bares! 

Levo vendo a Marga detrás dunha barra vinte dous anos que levo na cidade. Vina en distintos bares. Sempre con esa disposición, ese sorriso, traballando a reo! As dúas levamos uns anos máis enriba que a última vez e sen embargo a curiosidade asoma coma se foramos adolescentes! Coñecémonos, aínda que non sabemos quen é a outra. 

Neste día, no Galo D’Ouro escribimos un novo capítulo na nosa historia común, creada por primeira vez nun bar. Liñas noutro capítulo que comeza nun local que por emblema ten unha gramola!! Siii!! Unha gramola para poñer música, para poñer jazz, rock, clásicos ou modernos.  

Mergullámonos nas tripas do Galo D’Ouro. Respirando esa humidade galega e picheleira da zona vella que sangra polas paredes. Absorbendo polos poros o duro traballo dunha aposta e dunha sensibilidade de alguén que –insisto- cre nos bares, que respecta e admira esa solera do local, o suficiente como para fregalo ben (xa sabedes encerar e pulir e repite, Miyagui San), sacarlle brillo e poñelo en marcha para orgullo e alegría seu, de moitos de aquí e dos de fóra!

Pero Marga vai crear o seu propio sitio no Galo D’Ouro. “Ten vida propia. Aquí hai un respecto mutuo. Dúas personalidades que se teñen que levar ben, coidarse e quererse”.

Cando un local mítico reabre tes no imaxinario aquelo que recordas, intentas rememorar fielmente aquelo. Pero non se vive da nostalxia nin do houbera… Ás veces é máis barato volver facer que restaurar… E, pola contra, neste espazo persiste a memoria. Existe resistencia. A da xente dos bares.

Longa vida aos bares e as persoas que fan os bares!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.