fbpx
CompostelaEntrevistasNovas

Puro rock and roll en ‘Damn the Storm’, o novo disco dos composteláns Stormy Trucks

Por Rebeca Munín

Stormy Trucks. Foto: David Padín

'Damn the storm' (Struck By Lightning, 2020) é o nome do primeiro disco dos Stormy Trucks, un trío formado por Valentín Caamaño (guitarra e voz), Duco Miserable (baixo) e Luke Jennings (batería). Un traballo co que poder gozar cando queiramos do seu rock'n'roll clásico, con pinceladas de country, R&B, punk... Con temas propios e tamén algunha versión.

“Estou moi contento de poder sacar por fin o disco, que estaba aí na recámara”, conta Valentín. A crise do Covid-19 pillounos en pleno lanzamento e agora que xa estamos na ansiada 'nova normalidade' esperan poder amosalo en directo no maior número de lugares posibles. O primeiro concerto será en Lugo o 23 de xuño pero agardan contar con datas por Santiago e comarca neste verán (podedes estar atentos ás súas actuacións tanto na páxina web do grupo como na súa páxina de Facebook e de Instagram). Uns directos nos que prometen ser moi contundentes. "Eu son optimista por natureza pero é certo que nesta temporada, como colectivo, tocouse fondo. Sobre todo os que somos músicos profesionais non tiñamos forma de traballar. Antes cando non saían concertos, podías dar clases... pero neste confinamento era unha imposibilidade absoluta. Agora estou moi esperanzado de que haxa traballo. Vexo que a xente ten moitas ganas de divertirse", opina.

En maio coñecimos xa un adianto de 'Damn the storm', a canción 'You Do Voodoo' que presentaron en forma de vídeo-single gravado no mítico pub compostelán Fuco Lois. "Había moita xente que tiña ganas de volvernos ver tocando esta onda e a acollida foi estupenda, non só aquí, senón tamén no resto da xeografía española", asegura Valentín. O tema conta a historia dunha búsqueda desesperada e unha maldición. Puro rock and roll.


O que din dos nosos directos é que para ser un trío soamos moi contundentes


O disco foi gravado en Bungalow Studio e producido por Martín Esturao. O deseño é de Alberto Seoane (o director de arte de Pincha!) e a fotografía é obra de David Padín. "Estou moi agradecido porque traballar con eles foi moi doado. Todos eles entenderon desde o principio o que queriamos porque somos todos xente de rock and roll", sinala.

Ademais de presentarnos este traballo, Valentín tamén respondeu ás nosas preguntas 'A Fume de Carozo'. Se queredes coñecer un pouco máis sobre este músico compostelán, dádelle ao play no seguinte vídeo.


A FUME DE CAROZO