fbpx
CompostelaCulturaNovas

Propostas musicais e artísticas das dúas beiras do Atlántico e o último concerto de Verto, no maré 21

Foto: Concello de Santiago

maré 21, outrora Cantos na maré, chega á súa XVII edición, e aséntase este 2021 na capital galega –do 23 ao 26 de setembro– onde, ademais do Teatro Principal e o Auditorio de Galicia, se estende nesta ocasión á praza da Quintana e o parque de San Domingos de Bonaval, enchendo Compostela con multitude de propostas musicais e artísticas procedentes das dúas beiras do Atlántico e situando Galicia no epicentro da vangarda creativa mundial.

Así o explicou o seu promotor, Vítor Belho, de Nordesía Producións, na presentación oficial de maré 21, celebrada na entrada polo CGAC desa magnífica zona verde compostelá. No acto tamén participaron o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e Alberto Mira “Berto” xunto a Fernando Peleteiro “Fer”, integrantes do dúo Verto, que actuarán o venres 24 no escenario Fest Galicia situado no recinto de Bonaval, no que será o seu último concerto antes do parón anunciado até o ano que vén.

Belho agradeceu o apoio de todos os patrocinadores, entre os que tamén se atopan o Ministerio de Cultura, a través do INAEM, ou a Deputación da Coruña. Logo de desenvolver as principais liñas do programa, Belho anunciou que, de saír adiante as solicitudes do sector cultural para relaxar as restriccións, maré 21 podería ser dos primeiros festivais en Galicia nos que se permita bailar en exteriores, sempre coa máscara posta e cumprindo coas medidas anticovid establecidas. “As capacidades máximas de maré están deseñadas en función da situación actual, pero estanse a producir conversas entre o sector e a comisión de seguemento, e esperamos que nos próximos días poidamos comunicar que este será un dos primeiros festivais que se achega á tan desexada normalidade”.

En representación da Xunta de Galicia, a consellería de Cultura e Fest Galicia, Valentín García, destacou a oportunidade que ofrece maré 21 de facer unha conexión coa lusofonía tralo ingreso do Estado español, a iniciativa de Galicia, como observador consultivo na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP). Tamén incidiu na importancia de que máre 21 cadre este ano (domingo 26) co Día Europeo das Linguas: «O plurilingüismo é unha riqueza cultural inmensa, e linguas como o galego, o catalán ou o guaraní e outras crioulas van estar presentes neste festival».

A titular do departamento de Acción Cultural de Raxoi, Mercedes Rosón, afirmou que este evento converte a cidade de Santiago de Compostela nun grande escenario multicultural logo dun ano tan complicado para o sector. “O programa é extraordinario. Levamos un ano reclamando un trato máis favorable para os eventos culturais. Hai que dar pasos cara á normalización. Estamos nese camiño e faremos o posible para que chegue ao sector».

Á vangarda da creación, a diversidade cultural e os movementos sociais
maré 21 aposta pola creación feminina e da mocidade, a experimentación, as novas linguaxes artísticas e a diversidade cultural poñendo o foco naqueles territorios cos que Galicia comparte lazos lingüísticos, históricos e outros sentimentais das dúas beiras do Atlántico. Así, ademais dunha ampla representación galega o cartel inclúe artistas procedentes de Catalunya, Portugal, Colombia, Brasil, Mozambique, Cabo Verde, Güiana, Arxentina, Malí, Inglaterra, Sáhara Occidental ou Paraguai.

Crisol de xéneros musicais e culturas que comparten, no festival maré 21 sonarán melodías pop, soul, blues, música electrónica, experimental, rap, dub, reggae ou folk e outras músicas de raíz escritas e cantadas en diferentes linguas con preferencia polas minoritarias e minorizadas: do mambara ao guaraní, o chopi timbilia –o idioma do lema do festival, WARETHWA!!! (avante)–, pasando polo catalán, inglés crioulo ou galego, ademais do portugués e o español.

Co foco posto na defensa dos dereitos humanos e a sostibilidade ambiental
Os dereitos civís antirracismo e LGTB+, a diversidade funcional, o feminismo, indixenismo, a igualdade entre pobos e linguas ou contra o despoboamento rural serán bandeira deste maré 21 xunto ao gran desafío do cambio climático e a persecución da sostibilidade ambiental, en consonancia cos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) formulados na estratexia de Festivais e Axenda 2030.

Artistas-activistas como as brasileiras Bia Ferreira, Jéssica Caitano e Luana Flores, a fusión electro andina do arxentino Nación Ekeko, o calypso do colombiano Elkin Robinson ou a paraguaia de orixe guaraní Norma Ávila achegarán parte da gran potencia reivindicativa presente nas “veas abertas” de América Latina. A súa presenza en maré 21 pretende ser unha pequena mostra do que o continente sudamericano está a demandar coa música e outras creacións artísticas como vehículos de expresión e difusión de mensaxes.

Do pop ao folk pasando polo trap e a experimentación creativa feita en Galicia
Galicia contará cunha ampla representación na programación de maré 21. En Bonaval poderase escoitar en directo o dúo de pop con influencias do trap e o R&B máis actual, Verto, ou Familia Caamagno, que volven máis bailongos e enerxéticos ca nunca co seu novo disco Había que intentalo. Estarán tamén unha das voces máis carismáticas do noso país, Davide Salvado, a banda de folk Ailá que presenta o seu disco homónimo Ailá e o quinteto de pop Néboa, premio ao mellor álbum em galego nos premios MIN 2021, entre outros.

maré_arte
Nacho Muñoz, Chefa Alonso e Marina Oural, tres artistas de mundos moi diversos, presentarán Maleducadas. Voz, piano, saxo, percusión, poema, conversa, emocións, corpo, mazás, moa de afiar e unto son algúns ingredientes dun guiso escénico que se estreará neste maré 21, xunto coa poesía performativa de Carlos Santiago, o vídeo mapping de Fabiana Loyola ou a Orquesta de Malabares de Pista Catro e a Banda de Música Municipal.

Tres grandes da nova música feita en Catalunya e ¿Os acordáis?, de Albert Pla
Dous anos e medio despois de pechar a xira de 45 cerebros y 1 corazón, Maria Arnal i Marcel Bagés veñen de estrear o seu novo álbum, Clamor. Neste traballo de pop mutante que agora traen a Compostela, o aplaudido dúo catalán redimensiona o concepto de tradición para introducilo definitivamente no mañá.

Pola súa banda, o músico barcelonés de pop Ferran Palau chega co seu quinto disco, Parc, no que o easyloving e as canciones de amor tórnanse aínda máis sinceras, co minimalisto e sintetizadores a paso lento que o caracterizan.

Tamén actuará neste maré 21 o recoñecido e polifacético Albert Pla. O artista presentará ¿Os acordáis?, o seu novo espectáculo creado durante o confinamento no que reflexiona con ironía sobre o impacto que a crise do coronavirus tivo a nivel mundial.

Galeguía alén da fronteira sur de Europa, de Portugal a Mozambique, Cabo Verde e Brasil
O país veciño e a comunidade lusófona terán tamén unha presenza destacada en maré 21. Dende Portugal, o músico, intérprete e compositor de Elvas, Luiz Caracol, presentará só.tão, o seu EP máis recente. A tamén residente en Lisboa, a exactriz e parte do grupo Oquestrada, Marta Miranda, traerá a este maré 21 unha nova proposta en solitario baixo o acrónico MIRA.

Do mundo da galeguía, desa orixe común da nosa lingua que é Galicia, e ademais do Brasil –de onde chegará tamén o percusionista Japa System–, en maré 21 volverán soar ritmos de Mozambique. En concreto, os de Timbila Muzimba, a orquestra de oito membros fundada en 1997 nos arredores de Maputo que leva o nome da timbila, un son realizado con xilófonos de madeira típicos da localidade de Zabala, ao sur do país.

E dous auténticos tesouros vivos da cultura de Cabo Verde, Jon Luz e Maria Alice, referentes da morna, virán á maré con Força Irmon, un disco cheo de melodías envoltas nunha clase absolutamente atemporal, tan fresca no seu rigor acústico como moderna na súa intención innovadora.

maré 21, un espazo de resistencia a ocupar, diversidade fronte á homoxeneización cultural
Coa máxima da diversidade e o intercambio intercultural, maré 21 inclúe propostas como a compartida polo Trio da Kali e a Real Filarmonía de Galicia. O trío de destacados músicos da cultura mandé do sur de Malí, actuarán nunha coprodución da Real Filarmonía de Galicia e maré coa Orquesta da RadioTelevisión Noruega e o festival Oslo World. Para este proxecto, Paul Daniel director da RFG realizará arranxos instrumentais para corda sobre música orixinal de Jacob Garchik escrita para o disco Ladilikan de Trio da Kali- Kronos Quartet; unha exploración artística única, sen límites, que leva o repertorio musical de hai séculos cara a unha viaxe fascinante a través de sons atemporais.

Con ese mesmo ánimo de intercambio creativo, divulgación da diversidade cultural, e difusión do legado de Fran Perez “Narf” cando se cumpren cinco anos do seu pasamento, en maré 21 conectaranse unha vez máis Zigala (Galicia) con Zemambiquo (Mozambique), segundo a expresión creada na linguaxe imaxinaria do artista. Contando coa súa familia escénica, na gala de clausura “Cantos na maré” artistas de Galicia e dos territorios africanos de fala galego-portuguesa darán vida de novo a BUMBA, da Zigala a Zemambiquo… As viaxes de Narf.

Abonos de acceso completo, por días e entradas
Os abonos e entradas están á venda e poden adquirirse a través da web mare.gal e redes sociais do festival. Debido aos protocolos sanitarios vixentes por mor da Covid-19, os diferentes espazos terán unha capacidade limitada. Dende a organización prégase ás persoas asistentes que respecten as restriccións en vigor para un correcto desenvolvemento de maré 21.

Para asistir, hai dispoñibles abonos completos que darán acceso a todas as actividades e concertos de maré 21, que tamén porá á venda abonos de día (sábado e domingo) así como entradas para actuacións específicas.

O domingo 26, Día Europeo das Linguas, celebrarase unha xornada de portas abertas en Bonaval con diferentes actividades relacionadas coa efemérede e aproveitando a concorrencia de numerosos idiomas nesta nova cita.