fbpx
GaliciaGastronomíaNovas

Probastes o bicho máis deliciosamente feo? Chega a lamprea!

Esta é a túa oportunidade para probar un dos bichos máis deliciosamente feos e repelentes do planeta! Si. Xa sabedes que na Revista Pincha non mentimos! É feo e rico con ganas! En proporción, ademais. Por iso non podedes perder as VII Xornadas Gastronómicas da Lamprea de Padrón, que se desenvolverán os días 5, 6, 7, 12, 13 e 14 de marzo. 

Unha iniciativa de promoción organizada polo concello veciño, que propón comer un produto gastronómico padronés de calidade, por un prezo súper accesible, en distintos locais onde preparan a lamprea con sumo gusto e ata en xeado! A idea é que vaias a Padrón, coñezas o pobo, a súa xente, o seu xardín botánico, os museos e que vaias de bares! Porque xa sabedes que hoxe facer país é percorrer a nosa contorna máis próxima, mercar e comer local.

O menú lampreeiro estará composto por un entrante, un prato principal coa horrorosa da lamprea, evidentemente (gargalladas), a sobremesa e bebida. Os locais participantes son o Restaurante O Secreto, Restaurante Scala, Restaurante Chef Rivera, O Alpendre, Pulpería Rial, Restaurante O Santiaguiño e Casa Farrucán. Poderedes atopar lamprea en empanada, en croquetas, lamprea á bordelesa, con arroz, prensada, hai infinidade de variedades e todas deliciosas, porque recordade que levamos anos indo a saborear esta marabilla de carne dun peixe tan horripilante! (Sinceridade e risas diante de todo, que o bo comer é cousa seria!)

Por que hai que atreverse con semellante cousa? Porque a lamprea ten moitos nutrientes! É rica, millonaria!, en potasio, fósforo, magnesio, ferro, zinc e iodo.

Péscase de forma tradicional, respectando que moitas delas poidan desovar. Atrápanse nas pesqueiras., que son construcións algo menos vellas que o bicho. As primeiras datan do século V a. de C. Podedes descubrir as pesqueiras do Ulla e como pescan en Herbón e Padrón! Consultade, que sempre hai algunha visita.

A que sabe a lamprea? A peixe de case 500 millóns de anos…  É dicir, é algo único, incomparable, fantástico e galego!

Presume de que probaches a lamprea nas VII Xornadas Gastronómicas da Lamprea de Padrón. É fea, pero se tal pecha os ollos para comela! Ride, ride! Pero que a lamprea é un manxar dos deuses, queda aquí por escrito! E preparada a mans dos nosos veciños padroneses está de vicio!