fbpx
CulturaGaliciaNovas

Primeiro disco improvisado e composto a tempo real da Orquestra Galega da Liberación

Orquestra Galega de Liberación. Foto: Iván Barreiro

O Teatro Principal de Santiago acolleu o pasado setembro o debut da Orquestra Galega de Liberación, un ensemble de 17 músicos residentes en Galicia reunidos en torno á música de vangarda, á busca de novas formas de creación espontánea e á improvisación como fonte de investigación. Froito dese concerto lanzouse un disco, á venda desde hai unhas semanas e que xa podedes mercar na tenda Merlín e Familia, en Compostela, ou premendo aquí.

Toda a música desa actuación foi improvisada no momento e composta a tempo real mediante técnicas de improvisación dirixida. Ningún material viña pactado, aprendido ou composto previamente. Neste primeiro disco, a Orquestra ofrécenos este concerto íntegro, de principio a fin.

Portada do disco.

Elenco de luxo

A Orquestra Galega da Liberación está formada por un elenco que non precisa presentación ao estar constituído por artistas e intérpretes recoñecidos nos distintos eidos da música clásica, do jazz, das músicas de vangarda e da performance. Son 17 músicos cun percorrido vital e unha traxectoria internacional que en poucas ocasións atopamos agromando un proxecto tan contemporáneo e tan ancorado no noso hábitat musical de vangarda. A orquestra está formada por Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo e dirección), Max Gómez (batería), LAR Legido (batería), Javier Pereiro (trompeta), Olivier Cano (saxo alto), Xosé Miguélez (saxo tenor), Diego Alonso (saxo tenor), Rosolino Marinello (clarinete baixo), Patricia de Lorenzo (voz), Rubén Fernández (voz), Sheila Patricia (voz), Antonio Bravo (guitarra), Manuel Cebrián (guitarra), Elena Vázquez (violín), María José Pámpano (viola), Macarena Montesinos (violoncello) e Saúl Puga (contrabaixo).