fbpx
#apaparCompostela

Porco ibérico e ensalada temperada na Bodeguilla de San Lázaro

Foto: Iván Barreiro

Foi no 1986 cando Javier Míguez abriu La Bodeguilla de San Roque, un local que se convertiría co tempo en todo un referente da restauración compostelá. A ela seguíronlle La Bodeguilla de San Lázaro (aberta desde 2005) e La Bodeguilla de Santa Marta (desde 2012). Dous establecementos ‘irmáns’ pero con personalidades propias.

O noso comechón @JuanEAT_o visitou desta vez a segunda delas para probar dous dos pratos clásicos da carta: a grellada de porco ibérico e a ensalada temperada con rulo de cabra. “Tamén funcionan moi ben as diferentes tixolas que temos, de polbo, de setas con algas… o xamón con tomate, as táboas de queixos...”, comenta Carlos, o encargado. Tamén teñen suxestións do día. “Traballamos con moito produto da Praza de Abastos: carnes, peixes, verduras… Todo fresco”, apunta.

Ademais de comer ou cear, La Bodeguilla de San Lázaro é un lugar habitual para tomar unhas tapas ao saír do traballo. “Os martes poñemos unha de ovo fritido con patacas que volve tola á xente!”, conta Carlos entre risos.

O local dispón dunha sala de catas na parte de abaixo que xa ten eventos programados para todos os xoves do ano. E é que o viño é outro dos produtos que máis coidan na Bodeguilla. “Temos todas as DO de Galicia, e outras variedades. Tocamos case todas as rexións vinícolas de España”, explica.

A opinión de @JuanEAT_o

As Bodeguillas son un vello coñecido para todos aqueles composteláns aos que nos gusta saír a comer fóra. A de San Roque quizais sexa á que máis veces visitei. Por iso fun con ganas a coñecer as propostas da de San Lázaro.

Por primeira vez, sorprendéronme cun conxunto de dous pratos. Por un lado, servíronme unha ensalada de rulo de cabra, cebola caramelizada, noces, cogollos de leituga, maíz, olivas negras e tomate. Os diferentes ingredientes facían un bo contraste e ben valía para catro comensais, se a queredes para acompañar con carne ou peixe. Eu tomeina sen aliñar aproveitando os sabores intensos da cebola e do queixo. Ás veces aconsello non empregar aceite nin vinagre nin ningún outro tipo de salsa para non tapar o sabor real dos alimentos. Anímovos a probalo de cando en vez!

Por outro lado, puiden probar un prato contundente, que tamén valería para compartir entre dúas persoas. Tratábase dunha grellada con dúas pezas de presa, pluma e secreto, con patacas fritidas e pementos. A presentación era sinxela pero iso é o de menos. O importante é que a carne estaba no seu punto, especialmente a pluma. Destácoa xa que é unha parte do porco da que máis gozo últimamente. Pero o segredo e a presa tamén estaban ben feitas.

En conclusión, a da Bodeguilla é unha aposta segura se queredes invitar a alguén a cear e que vos saia ben a cousa!

Fotos de Iván Barreiro