fbpx
CompostelaNovas

Pirotecnia, homenaxe a mulleres compostelás e música en directo, no último ano de proxeccións dos Fogos do Apóstolo sobre o Pazo de Raxoi

Foto: Concello de Santiago

O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, presentou os Fogos do Apóstolo 2019, que se celebrarán na noite do 24 de xullo a partir das 23:00 horas. O espectáculo volverá a xuntar as proxeccións, a pirotécnica e a música para facer un repaso por algúns episodios significativos da historia da cidade e para recordar, este ano, algunhas das mulleres máis representativas de Compostela.

Gonzalo Muíños recordou que este ano repite Acciona Producciones y Diseño (APD) como responsable do espectáculo. Así, indicou que en 2018 deixaron “un bo sabor e boca, polo que agardamos que o espectáculo deste ano sexa igual de bo ou aínda mellor”.

O espectáculo, que unirá proxeccións de mapping, música en directo na praza, efectos especiais, pirotecnia, iluminación e banda sonora, proxectarase sobre a fachada do Palacio do Raxoi. Uns 5.000 espectadores asistirán en directo a este evento -cunha duración aproximada de 30 minutos-, que irá precedido de tres horas de iluminación especial e música ambiente na praza.

Este será o último ano no que as proxeccións se realicen sobre Raxoi. A intención é que nas festas do 202o regresen á Catedral. “Para un creador de videomapping, é un marco incomparable, a mellor fachada que se pode elixir. Non é o máis fácil a nivel técnico, pero é un reto”, apuntou Sheila Menéndez, responsable de eventos de APD.

Ao respecto da asistencia á praza, o director artístico do espectáculo, Javier García, fixo un chamamento “á xente de aquí, que o 24, como que cederon o seu sitio natural aos forasteiros, cando este espectáculo é fundamentalmente para a xente de Compostela”. Tamén sobre este punto, o concelleiro Gonzalo Muíños animou á veciñanza a presenciar os ensaios ás 23:00 horas de hoxe e mañá martes, nos que se reproducirán as imaxes que se proxectarán logo ou día 24.

Catro eixes argumentades
O espectáculo terá este ano catro eixos argumentais principais: o Camiño de Santiago como vía de intercambio cultural cos peregrinos estranxeiros, a arquitectura da cidade e o seu crecemento, a integración e interdependencia entre Santiago de Compostela e o medio rural próximo e, por último, un repaso por algunhas das mulleres galegas que marcaron a historia deste país.

Así, un dos momentos visualmente máis impactantes da proxección será cando sobre a fachada do Palacio de Raxoi se constrúan, ante os ollos dos espectadores, os principais edificios da cidade, coma se dunha viaxe no tempo se tratase.

Ademais, este ano o espectáculo lembrará as grandes mulleres da nosa historia recente e do noso presente, que estiveron vinculadas coa cidade de Santiago de Compostela. A proxección destacará a Rosalía de Castro, pero tamén lembrará a outras mulleres relevantes, aínda que desigualmente coñecidas, como a escritora e editora María Francisca de Isla y Losada, a cantante exiliada María Valverde, a poeta e dramaturga Herminia Fariña Cobián, a pintora Concha Vázquez, a mestra feminista María Vázquez Suárez e outras tantas.

A produción audiovisual aplicará tecnoloxías de última xeración para proporcionar unha resolución de imaxe de 4 millóns de píxeles de resolución. Para iso, empregaranse 9 proxectores de vídeo de 22.000 lúmenes cada un, 28 cabezas robotizadas e 20 focos estáticos de iluminación e un sistema de son de 50.000 w de potencia distribuídos en 6 torres.

Ademais, para a pirotecnia usaranse un total de 6.015 efectos de disparo e 366 Kg de pólvora. Para iso, APD volverá contar con RICASA, empresa valenciana especializada en pirotecnia a gran escala.

A música en directo correrá a cargo da agrupación folclórica Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela, cos que se vivirá un dos momentos máis emotivos da noite.