fbpx
CompostelaEntrevistas

Pepe Solla, sobre La Radio: “Este é un local para comer rico e tamén para divertirse”

Por Rebeca Munín 

Retrato de Pepe Solla. Foto: Iván Barreiro

É un dos chefs galegos con máis sona fóra da nosa terra e agora tamén un hostaleiro máis da nosa Compostela. Propietario de Casa Solla, en Poio -un restaurante que puxeron en marcha seus pais e que conta cunha Estrela Michelin e tres Soles Repsol-, abriu en decembro en Santiago o seu proxecto máis persoal: La Radio de Pepe Solla. E si, para os que aínda non coñezades esta, como el di, “casa de comidas moderna”, ocupa o local do mítico café-pub da familia Rial, na zona do Mercado de Abastos.

Levo un rato aquí dentro e non deixa de parar xente para atusmar pola ventá…

(Rimos) Si, notamos moito a expectación. Xente que coñecía o local, que me coñece a min pola miña traxectoria en Pontevedra… A acollida foi fantástica. É moi bonito sentirse tan arroupado.

E iso que aínda non tendes cartel. Ou si porque hai unha pintada na parede… quedará así?

Non (risos). Xa molaría, así a rotulador, con ese punto de graffiti! Estaba o cartel orixinal de La Radio, que é o que estamos restaurando.

Cando estaba buscando nome pensei: hai que ser realista e humilde. La Radio en Santiago ten máis nome ca min. Ten historia. Había que conservalo. Ademais parecíame moi bonito pola miña vinculación coa música. (Pepe toca a guitarra e organiza o festival de música e gastronomía PortAmérica)

De feito, a música está moi presente neste local…

Si, este é un sitio para que veñas principalmente a comer rico pero tamén a divertirte. Houbo xa moita xente que nos felicitou: “Que guai comer con esta música!”. Fixen varias playlist (unha de funky, de música española, unha de rock…).Para decorar a zona común dos baños falei con moitos amigos músicos para que me mandasen setlists de concertos. Teño de Vetusta Morla, Xoel López, Iván Ferreiro…

Tamén quero poñer guitarras para que se algún día a min, ou a alguén, nos apetece poidamos tocar. De momento, teño unha para estar exposta. É unha Harmony de 1940 orixinal que me mandou Richard, da tenda Estudio 54. É un guitarrón. Esa non é para tocala (Sorrí).

E ademais, nun tempo, espero reactivar o pub que hai na parte traseira. E unha zona que vou subarrendar. A idea é que cees aquí e logo vaias ao pub a tomar unha copa. Terá unha entrada independente pero tamén unha conexión interna cunha porta con cortina vermella. Chamarase ‘La Radio Clandestina’. Ou algo así (Ri).

E aínda non falamos da comida! Que ofrecedes?

Pois eu tiña esta idea xa desde fai tres anos. A carta parte de dous produtos: de Merluza de Celeiro e Cerdo Ibérico Joselito. O cal non quere dicir que sintas que estás comendo só pescada. Podes tomar tres pratos dela e que non teñas esa sensación. Hai racións, para compartir… Non é un restaurante gastronómico. Para iso xa teño Casa Solla. A idea é facer a cociña de sempre dándolle unha voltiña. É un modelo que quero, co tempo, levar a máis lugares.

Pepe, nunha das mesas de La Radio de Pepe Solla. Foto: Iván Barreiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.