fbpx
Compostela

Un paseo polas merendas de Compostela

A torta de fresa do Airas Nunes. Foto: Iván Barreiro
A torta de fresa do Airas Nunes. Foto: Iván Barreiro

Setembro! Momento de reencontros na escola, na oficina e nas nosas cafeterías favoritas de Compostela. Para o máis cru do cru inverno que mellor plan que o de refuxiarse en locais con encanto, para gozar dun anaco de torta e dunha boa cunca de café mentres lemos un libro ou permanecemos á calor dunha conversa con quen cada un prefira.

Vexamos a nosa selección de sitios da cidade para pasar esas longas e chuviosas tardes  que están por chegar. Un paseo por diferentes zonas xa que, como todo nesta vida, isto das merendas tamén vai por barrios. Aquí tedes a vosa propia ruta do pracer. There we go!:

ENSANCHE

Comezamos na rúa Frei Rosendo Salvado, nun dos locais que ilustran este artigo: A Mora. Desde 1924 é un sitio frecuentado por estudantes e non tan estudantes para tomarse un café á primeira hora da mañá ou polas tardes. O seu autoservizo tipo americano fomenta o dinamismo do lugar. Tomámonos un café, miramos os apuntamentos de clase e continuamos coa nosa xornada.  Destaca a súa torta de Santiago entre a infinidade de doces que podedes atopar. Ten un local irmán na Rúa do Vilar.

De camiño ao Campus Sur, atoparemos o Tosta e Tostiña (Avda. da Coruña, 3), “local docemente ambientado”, tal como eles mesmos definen este establecemento con gran variedade de tortas, tamén por encargo. Moi preto de alí, na rúa Rosalía de Castro, abriu en 2013 Tartitis. É unha pequena cafetería en tons pastel e mensaxes amables onde atoparemos tortas, cupcakes e galletas caseiras. Tamén ofrece mesas doces que animarán calquera evento.

La Cibeles (Montero Ríos, 37), un local dotado de cores luminosas desde a súa recente reapertura, e The Smart Bar (San Pedro de Mezonzo, 5) cunha gran oferta de zumes naturais e iPads, son mostras da nova vida do Ensanche, con propostas novas que hai que coñecer.

En Doutor Teixeiro destaca o Reno, co seu inconfundible neón na porta. É un lugar con xente dende pola mañá ata pola noite xa que aquí reúnense tanto executivos para o café de media mañá ou o afterwork coma familias con nenos. Decoración que nos leva a unha biblioteca particular, mobiliario moi cómodo e unha boa selección de revistas para ler mentres tomamos café e torta. Un local perfecto para días fríos, quizais pola súa luz tenue e a sensación de intimidade que regala ao visitante.

SAN CLEMENTE-GALERAS

A policía é máis doce que nunca desde que ten en fronte o Madia Leva (Rodrigo de Padrón, 2). É un sitio tranquilo de madeira suave e luminosa onde gozaremos dun café ou dun bo viño con tapa se a tarde se alonga.

Paseando por San Clemente cara a Galeras, visitaremos o Lusco & Fusco (Campo de San Clemente, 11), que xa protagonizou a nosa sección A Merendar! A súa dona é Jessica, unha intrépida americana namorada de Compostela e que quixo traer o mellor das merendas do seu país. Lusco & Fusco é unha viaxe pola ruta 66 con parada en Twin Peaks. Deliciosa a súa torta de arandos e cereixa e os seus scones, caseiros como o resto da repostaría da casa. Ademais, no inverno acolle reunións para charlar en inglés ou perderse nun dos libros que nos presta á calor da cheminea.

Un pouco máis abaixo de Lusco & Fusco, temos o Café Tertulia (Pombal, 2), imprescindible para composteláns e visitantes. Un sitio atendido polo sempre amable John e o seu equipo, onde nos atoparemos como na casa, coas súas mesas de mantel azul e encantadores recunchos de pedra, perfectos para acomodarse no inverno. John confesa que o café “é a especialidade da casa. Poñemos moito corazón e orgullo e gústanos pensar que é un agarimo e unha arte que só se consegue conxugando moitos detalles. Tamén destacan os biscoitos de laranxa, chocolate, cenoria con noces e agora de té matcha”.

Deixamos o Café Tertulia e continuamos o noso paseo na Rúa das Galeras. No número 22 chegaremos á porta branca de El Romero, do que me confeso namorada dende que o descubrín un pouco por casualidade. A súa decoración victoriana e sobria seducen a calquera amante da elegancia e do repouso. Gozaremos da súa repostaría de elaboración propia en vaixelas de flores, sentados en sofás de veludo ou, en días de sol, na súa terraza. Un lugar perfecto para esconderse xa que é unha terraza de pequeno tamaño con 3 ou 4 mesas que convidan ao descanso mirando a través do enreixado ao xardín privado que se abre ante nós. Ás veces pasa un gato, ás veces escóitanse as campás da Catedral. É, simplemente, delicioso.

E se tedes ganas de sentirvos transportados aos clubs ingleses do século XIX, nada mellor que a cafetería do hotel Palacio da Carmen (Oblatas,  s/n). Silencio e distinción.

CASCO VELLO

Entramos no espírito puramente compostelán mergullándonos no Casco Vello. Poucas cousas hai máis románticas que pasear polas pedras milenarias, tomándose un descanso á calor de calquera das preciosas cafeterías que se presentan no noso camiño.

A nosa primeira parada será en Airas Nunes (Vilar, 17), un deses sitios míticos que todo compostelán debería visitar pola súa torta de fresa (esta redactora certifica o impresionante sabor e aspecto das fresas naturais que se agochan na suave masa rosa), que ademais vos quedará monísima en Instagram, e os seus sofás baixo o lucernario.  Unha quedaría alí tardes enteiras simplemente sen facer nada, cunha fumarenta infusión e unha porción de pastel.

En Caldeireiría 42 entraremos no Serendipia Café, un local de dous pisos e moi espazoso perfecto para grupos de amigos con ganas dun café, unha infusión ou unha Red Velvet.

No número 49 está o Blu Café, un refuxio exquisitamente decorado cunha preciosa terraza interior. Outra terraza interior que tamén fará as delicias de calquera fan das merendas é a do Recantos (San Miguel Dos Agros, 2).

Para os larpeiros do chocolate temos a chocolataría Metate (Preguntoiro, 12), un clásico en Compostela.  E se o que vos gusta son as novas experiencias, pasádevos por La Flor (Casas Reais, 25), máis coñecida como restaurante pero que tamén vos sorprenderá á hora da merenda.

Ata aquí a nosa viaxe pola Compostela máis doce. Espéranos un gran outono así que a gozar dun café lembrando o que dicía Sherlock Holmes sobre esta beberaxe: “Non hai nada como unha cunca de café para estimular as células do cerebro”.