fbpx
GastronomíaNovas

Pablo e Luis Lodeiros: “Somos a primeira bodega galega que elaboramos un vermú sen azucres engadidos”

Pablo e Luis Lodeiros, co seu Vermú Lodeiros 0%.
Foto: Iván Barreiro

Bodegas Lodeiros está de estrea. Acaba de sacar á venda o Vermú Lodeiros 0%, converténdose na primeira adega galega cun vermú sen azucres engadidos e, polo tanto, coa metade de calorías que os demais. “Conseguilo levounos case un ano. Atopar un viño que aportara eses azucres de xeito natural foi complexo. Fixemos moitas probas porque tiña que responder a sabores e a aromas que ten este produto en si. Ademais, estabamos en pandemia, pero ao final conseguímolo”, contan moi contentos Luis e Pablo Lodeiros, pai e fillo desta empresa familiar compostelá.

Tras facer un estudo de mercado e descubrir que só outra marca en toda España ten un vermú similar, animáronse a lanzar este Lodeiros 0% nunha edición limitada para comprobar que aceptación ten. “Para nós é un paso máis na nosa procura do produto o máis auténtico e natural posible”, aseguran.

Pero que sabor ten este novo Lodeiros? “Segue sendo un vermú doce, pero si que lle intentamos dar un carácter diferente, que sexa complementario ao que xa temos. Non queremos que un substitúa ao outro”, explica Luis. E que maridaxe recomendarían? “O vermello acompañaríao cunha lata de escabechados, uns mexillóns, por exemplo. E para o branco, decantaríame por uns embutidos”, opina Pablo. Soa ben, non si? Xa entran ganas de probalo! 😉

0% plásticos

Foto: Iván Barreiro

Este novo produto enmárcase dentro do proxecto ‘Camiño Natural’, que vén desenvolvendo Lodeiros desde o ano 2020. Con el queren demostrar que un modelo produtivo responsable e un consumo sostible é posible. Así, por un lado, non utilizan plásticos, empregan unha botella ecolóxica con baixa pegada de carbono e producida con vidro reciclado e a etiqueta está producida con residuos de mazá e papel ecolóxico.

Ademais, defenden a economía circular e por iso dedican parte dos seus beneficios a realizar proxectos ecolóxicos en Galicia en colaboración con diversas organizacións medioambientais.

Un compromiso co medio ambiente que a empresa, que comezou no 1910 e xa vai pola súa cuarta xeración, leva desenvolvendo máis de 100 anos. De que xeito? Por exemplo, reutilizando máis de 3 millóns de botellas da súa produción.

Mariló, Reviravolta e licores MIL910

A familia está moi presente nos produtos que Bodegas Lodeiros ten actualmente no mercado. Cos licores Mil910 buscaban honrar a seu avó José. Con Mariló homenaxean á nai de Pablo. Trátase dun viño sorprendente que sabe a froitas e que resulta ideal para un aperitivo ou para facer sangría.

Por último, destaca a súa gama de viño sostible Reviravolta, que envasan nunha botella retornable para darlle unha nova vida. “Buscamos implicar tanto ao hostaleiro, coma ao tendeiro e ao consumidor final. Cando entregan a botella, reciben cartos de volta. Isto permítenos ter un viño de gran calidade e con cero residuos”, subliña Pablo.

Se ti tamén queres probar todos estes produtos, están á venda na web bodegaslodeiros.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.