fbpx
#apaparCompostela

Ovos rancheiros en La Flor

Por @JuanEAT_o

@JuanEAT_o en La Flor. Foto: Iván Barreiro
@JuanEAT_o en La Flor. Foto: Iván Barreiro

La Flor é un lugar que fala por si mesmo. Aínda que é un local non moi grande a verdade é que parece que estás en distintos sitios segundo onde escollas sentar. Xa sabedes o que din: ás veces no caos reside a máis rara beleza. Todo ten cabida neste curioso restaurante. Podes atopar desde uns boliños de Camariñas ata un cesto de vimbias con forma de peixe. A imaxinación non ten límites! J

Alí fun probar os seus ovos rancheiros. Ana, a cociñeira, contoume que levan queixo do Cebreiro, o típico Pico de Gallomexicano con tomate, cebola, aguacate e chile; salsa de tomate caseira con jalapeños; tortitasde millo e un pouco de lima que lle dá un toque moi interesante.

Cando me serviron o prato pensei: por onde comezo? Mesturo isto con aquelo? Saberá mellor por separado? Ao final decanteime por probar primeiro cada parte individualmente e despois xuntar todos os ingredientes para gozar dun sabor diferente.

A salsa de tomate caseira notábase que estaba feita con cariño. Por outro lado, empregan dúas tortitas de millo, unha normal e outra azul que nunca probara e que teño que dicir que está moi rica. De entre todos os produtos destacaba tamén o saboroso queixo do Cebreiro e, por suposto, os ovos, en perfecta harmonía con todos eles. E moi ben feitos, eh! Porque aínda que parece doado, os ovos tamén teñen o seu truco para que saian ben.

Se ides por La Flor recoméndovos que valoredes por vós mesmos este prato. De seguro que quedades contentos. É unha proposta diferente e divertida que terei que volver a probar. Por que? A razón non importa. Calquera escusa váleme para papar!

 

DATOS

Lugar: Restaurante Cafetería La Flor (Casas Reais, 25 – Santiago)

Prato: Ovos rancheiros

Prezo: 6,20 €

Valoración: 8 estrelas

Fotografía: Iván Barreiro

NO INTERIOR DE LA FLOR

La Flor é un deses locais de toda a vida en Compostela. A licenza de apertura é anterior incluso á Guerra Civil, do ano 1932. E nunca se pechou. Pasou por tres mans diferentes ata que fai nove anos colleron as rendas do negocio Sandra Fuente e Manuel Vázquez. “Pasamos por diante e pareceunos unha chulada. Era un bar de xente maior, estaban sempre xogando ás cartas… Entramos por casualidade e resultou que o dono o traspasaba”, recorda a xerente.

Con eles La Flor colleu un novo pulo. Mudou por completo a súa estética, cambiou a súa oferta gastronómica e se transformou nun dos establecementos con máis encanto da cidade. “Somos un bar de barrio con moitas cousas colacadas na parede. Nada máis”, contan con humildade. Abertos desde á mañá ata a noite, entre as súas propostas non atoparedes nin tortilla, nin polbo, nin empanada. Eles son máis de hamburguesas, tostas e ensaladas. Hai pouco estrearon un menú de merendas que inclúe unha porción de tarta e café por 3,90 euros.

En 2019 Sandra Fuente e Manuel Vázquez cumprirán unha década á fronte de La Flor. Neste tempo lograron converter este mítico local nun dos imprescidibles lugares de encontro en Compostela xa sexa para almorzar, comer ou cear. “O éxito deste bar é que o meu socio e máis eu non nos parecemos en nada, que os dous temos públicos moi diferentes e que a estética é peculiar”, sinala a xerente. “Pero fundamentalmente este é un espazo bastante libre”, engade. E, sobre todo, destaca o bo equipo co que contan, comezando pola cociñeira Ana Fuentes. “Manu e máis eu eleximos os pratos, pero sen ela non poderiamos facer nada”, asegura.

Nos seus inicios admite que servían máis copas que comida, pero pouco a pouco a súa oferta gastronómica foi calando entre unha clientela que cada vez demandaba máis. “Empezamos tendo catro pratos e agora a carta ten uns doce”, sinala. E, con moita modestia, recalca que non son modelo de nada nin o queren ser. “O noso é un prato rápido cunha estética un pouco revisada”, afirma.

E é que se hai algo que destaca por riba de todo en La Flor é a súa orixinal decoración. “Para min é inevitable. Se vou a un sitio onde non me atopo ben, dáme igual se me poñen boa comida. Non estaría nun establecemento mal iluminado, nin frío… creo que o entorno é moi moi importante”, sentencia Sandra. Quizais por iso o local é un reflexo da súa vida. “De pequena na miña casa había un entorno francés. Non se comía con moita luz. Non se utilizaba nunca a luz do teito, usábanse lámpadas... E trasladei ese ambiente aquí”, conta. Entre as pezas que decoran as paredes atopamos algunha loza da familia e moitos obxectos que trae das súas viaxes. “Non teñen valor. Son cousas que me parecen bonitas. O valor é o de facer a estancia máis cálida”, apunta.

Sandra é unha defensora da nova hostalaría, da que ten detrás a xente moi formada e ten moi clara a súa identidade. Emociónase falando do seu traballo, non polos horarios de noite que son moi difíciles de levar, pero si polo contacto coa xente. “É moi difícil sentirse só nun bar”, di. Pero tamén lamenta que non se respecte a profesión como se merece. “Cada vez que te atopas triste, berraches coa túa parella ou te enfadas cunha amiga… vas tomar un café. E por un momento desconectas. Que fas os domingos? Tomar algo. Entón algo que ocupa tanto tempo na nosa vida e que forma parte do noso ocio deberíamos valoralo máis”.